Tavares, ex CEO de Stellantis, augura o fin da automoción europea: “Será entregada aos chineses”
Carlos Tavares critica a decisión da UE de "impoñer" vehículos eléctricos, algo que cualifica como "un caso espectacular de arrogancia intelectual e de dogmatismo que ten un custo enorme".
Imaxe de arquivo de Carlos Tavares, ex CEO de Stellantis / Europa Press
Carlos Tavares vaticina un futuro complicado para a automoción europea. O ex CEO de Stellantis, o fabricante de coches con planta en Balaídos, describiu un escenario con empresas en dificultades e os chineses comprando as fábricas “por un euro simbólico, quitándolles o traballo a todos, e os gobernos dos países aplaudindo; a automoción europea será entregada aos chineses co aplauso dos gobernos locais”.
Así o destacou nunha entrevista coa directora do diario portugués Negocios, Diana Ramos, no evento Millennium Portugal Exportador, onde criticou a decisión da UE de “impoñer” os vehículos eléctricos. «Europa cometeu un grave erro: decidiuse por unha tecnoloxía en lugar de por un obxectivo. A intención era nobre: reducir drasticamente as emisións de CO2 deste tipo de mobilidade, pero a tecnoloxía non debe impoñerse».
Segundo apuntou, trátase de “un caso espectacular de arrogancia intelectual, de dogmatismo que ten un custo enorme e, durante o período máis caótico desta industria, abriuse a porta aos chineses, que levan máis de 20 anos traballando neste campo”.
Casares apuntou que a presenza chinesa podería alcanzar unha cota de mercado do 10% rapidamente, algo que, poderá ocorrer “nos próximos cinco anos”. Segundo os seus cálculos, nun mercado de 15 millóns de vehículos, a presenza chinesa equivalería aproximadamente a uns 1,5 millóns de coches, o que representaría “10 fábricas que producen 150.000 vehículos ao ano”.
Riscos e retos da automoción europea
O ex directivo de Stellantis advertiu dos riscos que enfronta Europa entre os que destacou a situación dos Estados Unidos. “É moi particular, unha sociedade violentamente fragmentada e polarizada, unha sociedade na que a produción de bens físicos perdeu competitividade, tanto en custo como en calidade”.
Neste sentido, subliñou que esta situación podería supoñer unha boa oportunidade para Europa xa que “o éxito tecnolóxico do mundo dixital ten, dun certo modo, enmascarado as debilidades na produción de bens físicos” nos Estados Unidos.
Tavares sinalou como principal reto para Europa a “perdida” de inxenuidade para “entrar na carreira”. “Non se pode dicir aos europeos que imos protexelos cunha riqueza que non estamos creando; noutras palabras, Europa ten que entrar na carreira”.
“O cancro da nosa sociedade europea, e tamén da portuguesa, é o crecemento da tecnocracia e a burocracia”, apuntou, quen destacou como reto para Portugal o de asumir a capacidade de construír e executar unha estratexia a longo prazo, de 20 anos de duración, que estea baseada nunha “estratexia de diferenciación para a competitividade que transcenda ao bloque europeo”.