A produción mineira cae un 6% en Galicia á espera dos grandes proxectos de Touro, Doade e A Gudiña
A pesar deste recorte, segundo a Estatística Mineira correspondente ao exercicio 2024 elaborada polo Ministerio de Transición Ecolóxica, a comunidade sitúase como unha das que maior achega ofrecen ao conxunto do Estado, cun 8,7% do total.
Estatística Mineira correspondente ao exercicio 2024 elaborada polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico
Galicia enfronta un 2026 que pode ser clave para o seu sector mineiro, con varios proxectos estratéxicos avanzando en paralelo como o de Cobre San Rafael en Touro, o da filial do grupo aragonés Samca en Doade ou o de Eurobattery Minerals en A Gudiña. Á espera de que estes proxectos se materialicen, o valor da produción mineira en Galicia recortouse en 2024 un 5,88% respecto ao ano anterior. A pesar desta redución, a comunidade destaca como unha das que maior achega ofrecen ao conxunto do Estado, cun 8,7% do total, onde as rochas ornamentais son o principal impulsor da minería, representando o 54%.
Son algunhas das conclusións da Estatística Mineira correspondente ao exercicio 2024 elaborada polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, publicado a principios de marzo, no que se detalla que o valor da produción mineira en España ascende a 3.628 millóns de euros, tras experimentar un crecemento interanual do 1,6%.

Andalucía mantense en primeiro lugar cun valor moi superior ao resto de comunidades, de case o 34% (un 1% por riba do rexistrado o ano anterior), impulsada principalmente polo peso da minería metálica, na que destaca o cobre, cinc, chumbo, ouro e outros metais asociados.
A segunda posición é para Castela e León, cun valor da produción mineira que experimentou un crecemento do 7,46% en 2024, ata acadar o 12% do total, “cun perfil diversificado no que destacan a glauberita, o volframio e a pedra natural, especialmente o lousado”. Xusto antes de Galicia situaríase Cataluña, que representa arredor do 11,1% do total, tras recortar un 1,8% na taxa interanual, grazas ao especial protagonismo dos minerais industriais, en concreto, das sales potásicas.
“En contraste, algunhas comunidades presentan descensos interanuais, como Ceuta (-50%), Madrid (–20 %), País Vasco (–5,6 %), o que indica unha perda puntual de valor en 2024 tras varios exercicios de estabilidade ou crecemento”, sinala o informe.
Emprego mineiro
Respecto ao emprego mineiro, Galicia ocupa unha posición privilexiada, cun 12% do total, só superada por Andalucía que acapara o 26,21%; Ambas comunidades xunto a Cataluña e Castela e León acumulan máis do 61% do emprego total “reflexando a localización xeográfica dos principais recursos minerais das actividades extractivas e industriais asociadas”.
“Galicia (11,8 %), Cataluña (11,8 %) e Castela e León (11,7 %), contan con cifras moi similares, arredor de 3.500 empregos cada unha. En conxunto, estas tres comunidades concentran o 35,3 % do emprego, o que pon de manifesto a importancia da minería non metálica, dos áridos e dos minerais industriais nestas rexións”.

En número de explotacións, a comunidade galega tamén se sitúa nas primeiras posicións nun ranking encabezado por Andalucía e Castela e León, con 479 e 405 respectivamente. Séguenlle Cataluña, con 365, Castela A Mancha, con 275, e Galicia, con 206. Segundo explica o informe, esta distribución “pon de manifesto unha notable concentración territorial da actividade extractiva, cun número reducido de comunidades autónomas que agrupan unha parte moi significativa do total nacional”.
Ao nivel estatal son un total de 30.234 as persoas que traballan no sector repartidas en 2.592 explotacións nas que “cada vez teñen máis peso as materias primas consideradas fundamentais para a dobre transición ecolóxica e dixital”. O MITECO destaca a posición de España dentro da UE como “único produto de sepiolita e estroncio; primeiro produtor de espato-flúor e de xeso; o segundo produtor de cobre, mármore, magnesita e sales potásicas; o terceiro produtor de volframio, e o cuarto produtor de granito. No ámbito global, é o primeiro produtor de lousado para teito”.
O peso das rochas ornamentais en Galicia
Segundo detalla o estudo, a produción de rochas ornamentais está presente na maioría das comunidades autónomas, pero o seu valor económico concéntrase de forma moi destacada nalgunhas poucas rexións, sendo Galicia e Castela e León as que “constitúen claramente os dous principais polos do subsector”. Ambas comunidades concentran máis de dous terzos do valor total nacional da produción, cun 38,8% e un 28%, respectivamente.

“Este liderado explícase fundamentalmente pola especialización histórica no lousado ornamental, así como pola presenza doutros materiais de pedra natural asociados a distritos extractivos consolidados e cunha forte orientación exportadora”.
Un segundo grupo de comunidades con peso relevante neste sector estarían Extremadura (7,8 %), a Comunidade Valenciana (6,5 %) e Andalucía (4,4 %), que, “aínda a certa distancia dos dous grandes polos, achegan conxuntamente unha parte significativa do valor nacional”. Nestes territorios, a produción estaría vinculada principalmente a mármores, calcarias ornamentais e outras pedras naturais cuxa produción se vincula principalmente a mármores, calcarias ornamentais e outras pedras naturais, con destino tanto ao mercado interior como á exportación.