As relacións entre Galicia, Portugal, a lusofonía e China, nun debate itinerante organizado polo Igadi
Unha delegación do Centro Científico e Cultural de Macao (CCMacau) visita Galicia e participa nunha serie de encontros e debates que se celebran na Coruña, Pontevedra, Ferrol, Santiago e Vigo.
Puente internacional Tui-Valença. Marta Vázquez Rodríguez / Europa Press
Unha delegación do Centro Científico e Cultural de Macao (CCMacau) desenvolve esta semana unha intensa axenda de traballo en distintas cidades galegas (Pontevedra, A Coruña, Ferrol, Santiago e Vigo), entre os días 27 e 31 de outubro. O obxectivo non é outro que fortalecer os lazos institucionais, académicos e culturais entre Galicia e Portugal. As actividades enmárcanse nun proxecto de mobilidades do programa universitario Erasmus+. Colaboran desinteresadamente coas actividades decenas de persoas e entidades de Galicia, segundo explica nunha nota o Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (Igadi). Entre elas Economía Dixital Galicia, que acaba de estrear a súa versión en portugués.
A visita, coordinada polo Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional, inclúe encontros con representantes da Xunta, das tres universidades galegas e dos Concellos de Pontevedra, A Coruña, Ferrol e Santiago, así como a celebración dunha serie de obradoiros abertos ao público, que abordarán as relacións históricas e contemporáneas entre Galicia, Portugal, a lusofonía e China.
Os obradoiros, de participación aberta mediante inscrición, serán espazos de diálogo entre académicos, estudantes e profesionais interesados na proxección internacional galega e na cooperación UE-China-lusofonía.
O programa de encontros
O programa, entre outras mesas, aborda este martes en A Coruña, na Facultade de Dereito da UDC, a Lei Paz Andrade e as relacións de Galicia e España coa lusofonía, co caso Macao como referente.
O mércores, en Ferrol, baixo o suxestivo título de ¿Chibérica?, abórdanse as relacións de Portugal e España con China. O encontro será na Facultade de Humanidades, no Campus Industrial de Ferrol. Ese mesmo día, a delegación participará nas III Xornadas “Ferrol no mundo do século XXI: Galicia e China no diálogo Oriente-Occidente”.
O xoves, en Santiago, no Paraninfo da Facultade de Historia, abordaranse as relacións dentro do encontro “A UE e China no século XXI: a Eurorrexión Galicia–Norte de Portugal e Macao”. E o venres, en Vigo, celebrarase unha mesa redonda sobre dinámicas de cooperación e redes euroasiáticas, xunto con axentes institucionais, económicos e sociais galegos. O lugar, o Centro Camões de Vigo.
Esta visita constitúe unha oportunidade para visibilizar o papel de Galicia como ponte atlántica e lusófona, e para consolidar a súa posición nun espazo crecente de diálogo cultural e económico con Asia, segundo explican desde o Igadi.