CCOO reclama un «pacto forestal» e pide «relevos» na Xunta pola onda de incendios

A secretaria xeral de CCOO en Galicia, Amelia Pérez, pide "estabilidade laboral" para o persoal dedicado á extinción de incendios e reclama o "cumprimento estrito" das leis de incendios e montes.

Imagen de archivo de la secretaria xeral de CCOO en Galicia, Amelia Pérez / CCOO

Imagen de archivo de la secretaria xeral de CCOO en Galicia, Amelia Pérez / CCOO

Comisións Obreiras eleva o ton contra a Xunta de Galicia a conta da onda de incendios. O sindicato reclamou ao goberno autonómico que tome medidas para evitar que se repitan episodios como o deste verán.

Para iso, CCOO esixiu a posta en marcha dun “pacto forestal galego”, coa participación de todos os axentes implicados; a “estabilidade laboral” do dispositivo de extinción, e o cumprimento da lei de incendios e da normativa de montes.

A secretaria xeral de CCOO en Galicia, Amelia Pérez, trasladou as súas “condolencias” ás familias dos falecidos e “solidariedade” aos feridos, así como “todo o apoio” do sindicato ao persoal de extinción. “Esta onda non só é un problema da Consellería do Medio Rural, senón tamén da de Medio Ambiente, que estivo completamente desaparecida”, censurou, dirixíndose á Xunta. Deste xeito, insistiu na reclamación para que se asuman consecuencias e haxa “relevo” fronte á Secretaría Xeral Técnica e a Dirección Xeral de Defensa do Monte.

Nesta rolda de prensa, a “falta de medios” tamén ocupou un lugar central. Así o denunciou o xefe de brigada e presidente do comité de empresa da Consellería do Medio Rural en Ourense, Óscar Rodríguez, quen sinalou que só hai arredor de 450 traballadores, dos 630 que estima necesarios, para manexar 157 motobombas.

Non existe ningunha trama incendiaria en Galicia nin no resto do Estado. O que hai son causas múltiples e, sobre todo, a repetición dos mesmos erros e das disputas políticas ano tras ano”, expuxo Amelia Pérez, en alusión indirecta a declaracións do líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, que, durante a onda, falou de “terrorismo incendiario”. A sindicalista insistiu en que fai falta unha “análise rigorosa do sucedido”, así como “aprender do que pasou e asumir os erros con humildade”.

A folla de ruta de CCOO

Neste sentido, Amelia Pérez puntualizou que “o verán non finalizou” e advertiu de que “o cambio climático é unha realidade que está aí”, polo que “non é suficiente” con pensar en solucións a longo prazo, senón que tamén é necesario actuar de inmediato.

É por iso que presentou unha serie de propostas, que caracteriza como “serias e construtivas”. Entre elas, destacou a apertura dun “pacto forestal galego” con todos os axentes implicados e a planificación dos recursos humanos e técnicos “con criterios profesionais e non partidistas”.

Tamén insistiu na necesidade de garantir o “cumprimento estrito” das leis de incendios e montes, que hoxe permanecen incumpridas en cuestións fundamentais. Pola súa parte, o responsable de Acción Sindical de CCOO no Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais (SPIF), Carlos Hermida, denunciou a “elevada temporalidade”, que afecta a máis do 40 % do operativo.

Ademais, criticou que a Xunta anunciase o pasado agosto unha oferta pública de emprego (OPE) con exames en febreiro, “cando aínda non están resoltos outros concursos”. A organización xa solicitou o aprazamento desa convocatoria para que o persoal saiba se obterá praza ou terá que prepararse para este novo exame.

“Falta de medios”

En paralelo, o xefe de brigada e presidente do comité de empresa da Consellería do Medio Rural en Ourense, Óscar Rodríguez, denunciou a “falta de medios” para manexar o dispositivo. Explicou que para operar as 157 motobombas serían necesarios 630 traballadores e traballadoras, pero só hai arredor de 450, case 180 menos.

Censurou tamén que, ao inicio da época de alto risco, aínda faltaban por incorporar unhas 300 persoas, o que “incrementa o tempo de reacción e agrava as consecuencias dos incendios”.

Do mesmo xeito, recorreu aos datos oficiais e comparou o Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga) de 2021 co actual, a partir do que sinalou unha “reducción de recursos”, especialmente nas brigadas municipais.

Historias como esta, en su bandeja de entrada cada mañana.

O apúntese a nuestro  canal de Whatsapp

Deixa unha resposta