«Existe unha potente cadea de valor na industria rural que é a única que non se pode deslocalizar»

Tanto desde o mundo da empresa como da universidade, os relatores da mesa de Innovación e Sustentabilidade do foro "Os retos da Galicia rural" reivindican a colaboración público privada para expandir un entorno que, na actualidade, "é o gran provedor de recursos que utilizamos".

Paula Rodríguez Beirán, directora de Telefónica en Galicia y Asturias; Alfonso del Portillo, director de Agrobank Norte; Miguel Rodríguez Méndez, catedrático de Economía Aplicada en la Universidad de Vigo y Ramón Huidobro, secretario general del Consello Regulador de la DO Rías Baixas, conversan sobre Innovación, cadena de valor y sostenibilidad en el rural.

Paula Rodríguez Beirán, directora de Telefónica en Galicia e Asturias; Alfonso del Portillo, director de Agrobank Norte; Miguel Rodríguez Méndez, catedrático de Economía Aplicada na Universidade de Vigo e Ramón Huidobro, secretario xeral do Consello Regulador da DO Rías Baixas, conversan sobre Innovación, cadea de valor e sostibilidade no rural. Foto: Pablo Ares Heres

A industria vencellada ao rural galego, da agroalimentaria á gandeira pasando pola do mar, non ten medo a innovar a pesar dos históricos handicaps ligados á dispersión poboacional e á orografía e faino, ademais, creando unha cadea de valor que é das poucas, se non a única na comunidade, que está libre da ameaza da deslocalización, xa que está pegada ao territorio. Son as reivindicacións e conclusións que se escoitaron este mércores na terceira edición do foro Os retos da Galicia rural, organizado por Economía Dixital Galicia, co apoio da Consellería do Medio Rural, de Telefónica e de Caixabank.

Celebrado na compostelana Finca da Rocha, o encontro acolleu unha mesa de debate na que se analizou a importancia da innovación, a cadea de valor e a sostibilidade no rural. Na mesma participaron Paula Rodríguez Beirán, directora de Telefónica en Galicia e Asturias; Alfonso del Portillo, director de Agrobank Norte; Miguel Rodríguez Méndez, catedrático de Economía Aplicada na Universidade de Vigo, e Ramón Huidobro, secretario xeral do Consello Regulador da DO Rías Baixas.

Na mesma, os directivos de Telefónica e de Agrobank, a liña de Caixabank centrada en servizos para o sector agroalimentario e pesqueiro, evidenciaron, baseándose na súa experiencia como provedores de servizos para o rural, que as súas empresas, os seus clientes, evolucionaron moito na última década.

Proceso de cambio

“Hai poucos sectores que, agora mesmo, estean involucrados nun proceso de cambio e de expansión tan profundo como o sector primario. Nos últimos anos, desde Agrobank fomos testemuñas do cambio tecnolóxico e da irrupción de novas tecnoloxías na empresa rural que axudan a mellorar rendibilidade e sostibilidade”, explicou Del Portillo, que ademais destacou, lonxe do que se poida pensar, que o rural é unha “aposta decidida” para grandes corporacións. “No noso caso estamos falando dun sector moi dinámico que, ademais, conta con taxas de morosidade moi baixas”, explicou.

Na mesma liña manifestouse Rodríguez Beirán. A industria que xera o rural galego non debe verse, en absoluto, como un modelo de negocio antigo. É un sector que crece e que, polo tanto, demanda acabar coas históricas diferenzas en canto a infraestruturas. “Traballamos para reducir a fenda o máximo posible. Nos últimos anos evolucionouse moito para reducir as distancias en canto a pegada dixital. En Telefónica investimos máis de 800 millóns de euros en redes de banda ancha rápida”, explicou. “É certo que existe unha complexidade orográfica moi grande que fai que ás veces non todas as opcións sexan factibles pero púxose o foco no despregue de redes de 5G e tamén nos estamos apoiando moito nas solucións satelitais”, apuntou. Estas últimas, de feito, foron unha peza clave para reforzar a conectividade móbil nas zonas afectadas pola última gran vaga de incendios do verán, momento no que a compañía chegou a restablecer máis de 300 quilómetros de cable de fibra en zonas afectadas.

“Gran provedor de recursos”

O catedrático Miguel Rodríguez Méndez, que centrou boa parte das súas investigacións na economía circular e desenvolveu a Estratexia Galega de Economía Circular 2030 quixo reivindicar a cadea de valor que xera o sector rural en Galicia, conformando un ecosistema de provedores do mesmo modo que a téxtil con Inditex en A Coruña e a automoción e Stellantis en Pontevedra. “Temos unha gran cadea de valor que hai que destacar. Non podemos non sinalar empresas tractoras como Coren, Torre de Núñez, toda a cadea de mar, conserveras, conxeladoras, a cadea de valor forestal, sobre todo centrada no piñeiro, con xigantes como Finsa, propietarios, aserradoiros…”. “Ademais, o entorno rural é o gran provedor dos recursos que utilizamos: minerais, biomasa, enerxía. Os obxectivos da economía circular pasan por reducir os impactos no entorno e aí, o sector rural vai ser o gran protagonista dos próximos anos”, destacou.

Na mesma liña manifestouse Ramón Huidobro, de Rías Baixas, que puxo como exemplo a cadea de valor do viño. “Estamos xerando máis de 5.000 postos de traballo directos e unha facturación que sobrepasa os 250 millóns de euros. Ademais, algo fundamental é que a cadea de valor do rural non se pode deslocalizar, non podes levala, como si poden facer outros sectores, ou fixeron, a Marrocos ou a outros países, porque están fixadas no territorio. Todo o que investes no territorio queda no territorio”, reivindicou.

Futuro

Para os membros da mesa de debate o futuro do rural pasa, necesariamente, por avances na colaboración público-privada e na protección do territorio, como medida necesaria para garantir o relevo xeracional. “A viticultura foi o gran cortalumes dos incendios. Non só este ano, na gran vaga de incendios de 2005 vémonos rodeados en O Salnés e aguantouse. Cando viaxas por Valdeorras ou Monterrei ves zonas queimadas excepto onde hai viñedos. Temos que darnos conta de que as empresas do rural non só son elementos de economía”, explicou Huidobro.

Tamén falou Rodríguez Méndez sobre os novos proxectos de bioenerxía que se desenvolven no rural e que, na súa opinión, deben ter claro as escalas. “O tema das bioenerxías aínda non está demasiado desenvolvido, é fundamental que nesta etapa teñamos claro as dimensións, quizais indo cara a máis proxectos máis pequenos”, dixo, con respecto a plans co biometano, por exemplo, que xurdiron ao calor da descarbonización e dos fondos de resiliencia.

Historias como esta, en su bandeja de entrada cada mañana.

O apúntese a nuestro  canal de Whatsapp

Deixa unha resposta