¿Terá impacto a guerra de Irán en Galicia?
O Foro Económico avisa de que todo depende da duración do conflito, que derivará nun incremento dos custos loxísticos e de transporte.
Dezanas de persoas durante unha concentración de exiliados iraníes a favor da intervención militar dos EEUU e Israel, diante da embaixada de Irán, o 28 de febreiro de 2026, en Madrid. Foto: Carlos Luján / Europa Press
Foro Económico de Galicia avisa do efecto da guerra de Irán sobre a economía galega se o conflito se prolonga, debido ao incremento dos custos loxísticos e de transporte.
En declaracións a Europa Press, o subdirector do Foro, Patricio Sánchez, explica que “a afectación do conflito iraniano á economía galega irá parella á española e, por extensión, ao que aconteza no resto de Europa”.
A cuestión “clave”, a duración
“A cuestión clave será a súa duración“, advirte. Neste sentido, constata que se é “algo breve”, os efectos serán “limitados e a recuperación rápida, especialmente en mercados acostumados á oscilación como o do petróleo”.
Pola contra, de prolongarse no tempo, a economía de Galicia verá afectada “en dous aspectos fundamentais”, o primeiro deles o mercado do cru e os seus derivados”, en concreto o gas.
O segundo efecto ten “maior relevancia”, alerta Sánchez, polas repercusións en termos loxísticos e de transporte. “O peche do Estreito de Ormuz obriga a que todos os fretes que dependen del (non só o petróleo e gas) teñan que desviarse por rutas moito máis longas e, por tanto, máis caras”, explica.
“Capacidade de resistir”
“Por tanto, estamos ás portas dunha nova crise económica motivada por factores non financeiros, senón estritamente políticos”, constata.
E engade que “cada vez máis a denominada xeopolítica internacional condiciona dunha forma máis intensa” á economía galega. “Tanto é así que a sociedade mostrou a súa capacidade de resistir a situacións de conflitos bélicos moi próximos, algo que sería impensable hai non moito tempo”, remata.