Actualizado
O ministro Puente aproba axudas ás vítimas de Adamuz: “Non imos consentir que pase o que pasou en Angrois”
O Goberno aprobou un paquete de indemnizacións de 20 millóns de euros para as vítimas dos accidentes ferroviarios de Córdoba e Barcelona e o titular de Transportes lembra que hai familias do Alvia que esperaron máis dunha década.
O ministro de Transportes e Mobilidade Sustentable, Óscar Puente, durante a rolda posterior ao Consello de Ministros no Palacio da Moncloa, Alejandro Martínez Vélez / Europa Press
O Goberno aprobou este martes un mecanismo de indemnizacións dotado de 20 millóns de euros para as vítimas dos accidentes ferroviarios ocorridos hai nove e sete días en Adamuz (Córdoba) e Gelida (Barcelona), respectivamente, nos que 46 persoas perderon a vida e outras 164 resultaron feridas.
“Non imos consentir que pase o mesmo que pasou en Angrois. Por iso aprobamos esta medida, porque non imos consentir que haxa vítimas que estean 10 anos esperando a recibir unha indemnización. Por suposto, aprendemos e por iso aprobamos esta medida”, destacou o ministro de Transportes, Óscar Puente.
Axudas directas e anticipo de seguros
Na rolda de prensa posterior ao Consello de Ministros deste martes, o ministro avanzou que xa se aprobou un real decreto-lei de medidas urxentes de apoio ás vítimas de ambos os accidentes.
Dos 20 millóns de euros, a metade estará destinada a axudas directas e a outra metade a anticipos de seguros. En concreto, o ministro explicou que o importe no caso dunha persoa falecida ascenderá a 72.000 euros en axudas directas e outros 72.000 en anticipos, en todos os casos libre de impostos.
Nos supostos de lesións corporais, as axudas estrutúranse conforme ao baremo existente en función do seu nivel de gravidade e varían desde os 2.400 euros nos casos de menor entidade ata os máis de 84.000 euros nos casos de lesións de máxima gravidade, repetíndose a mesma cifra no caso do anticipo.
“Aprendemos de Angrois”
Así mesmo, unha vez que o seguro obrigatorio determine as lesións e tamén as persoas falecidas, as vítimas recibirán unha cantidade adicional idéntica por parte do seguro obrigatorio. Deste xeito, nun prazo non superior a tres meses, unha vítima por falecemento recibirá 210.000 euros.
“Non imos consentir que pase o mesmo que pasou en Angrois. Por iso aprobamos esta medida, porque non imos consentir que haxa vítimas que estean 10 anos esperando a recibir unha indemnización. Por suposto, aprendemos e por iso aprobamos esta medida”, sinalou o ministro.
Incidencias en Galicia
Por outra banda, Puentes asegurou que incidencias ferroviarias como a acontecida este pasado luns en Monforte de Lemos (Lugo) a causa das condicións meteorolóxicas adversas actuais son “inevitables”.
“Onte houbo un impacto dunha rocha coa parte dianteira dun Alvia que procedía de Barcelona, pero o maquinista chegou ao seu destino”, explicou o titular do ramo este martes na rolda de prensa posterior ao Consello de Ministros.
Á fío, Puente detallou que o condutor ao principio “creía que impactara cun xabaril”, pero ao final aclarouse que era un desprendemento de rocha.
“Non hai inseguridade”
“Nunha situación de máxima alerta meteorolóxica na que os trens que discorren por tramos que teñen taludes, etcétera, poden sufrir en condicións extremas este tipo de situacións”, manifestou o ministro.
Neste sentido, Puente engadiu que en trazados como, por exemplo, “o asturiano, o cántabro, ou o galego, ou o mesmo de Rodalies, nos que a natureza está no propio entorno do deseño da vía, que en circunstancias destas características se produza unha caída dunha rocha á vía ou que se produza algún desprendemento é algo, lamentablemente, case, case inevitable“.
“Pero non significa que haxa inseguridade, de feito, o incidente saldouse simplemente con danos na parte dianteira do tren”, subliñou.
Por outra parte, en canto ás cifras neste momento no corredor galego, o titular da carteira de Transportes sinalou que o feito de ter colocado Santiago de Compostela no entorno das tres horas en relación con Madrid produciu un “trasvase inmediato de usuarios do avión ao tren”. “Así é como se cambia o transporte e como se dá máis masa crítica ao transporte sostible”, resaltou, concluíndo que o que se ten que facer é “competir co avión”.
“O que temos que facer é xerar transportes que non produzan emisións, que sexan seguros por suposto e que sexan tamén eficientes á hora de comunicar uns territorios con outros”, rematou.