O PIB galego creceu un 2,8% no primeiro trimestre, ao mesmo ritmo que España, segundo o Foro Económico.
O informe de conxuntura destaca un crecemento agregado do PIB galego caracterizado polo "equilibrio", con unha aportación positiva da demanda externa lixeiramente superior á interna.

O Produto Interior Bruto (PIB) medrou na comunidade un 2,8% no primeiro trimestre de 2025, ao mesmo ritmo que España, segundo destaca o Foro Económico de Galicia. En ambos casos máis dun punto por riba do 1,6% de avance na UE.
Pola súa banda, a economía galega elévase un 0,9% en comparación cos tres meses anteriores, tres décimas por riba do país e do ámbito europeo.
Así figura no informe de conxuntura elaborado por Santiago Lago, Patricio Sánchez e José Francisco Armesto, coa coordinación do economista Fernando González Laxe.
O informe destaca un crecemento agregado do PIB galego caracterizado por “o equilibrio”, cunha achega positiva da demanda externa lixeiramente superior á interna (1,6 e 1,2 puntos, respectivamente). Pola contra, tanto na economía española coma na europea é a demanda interna a que explica todo o crecemento económico.
Ralentización do gasto en consumo final
Con todo, a economía galega mostra “unha importante ralentización” do gasto en consumo final, debido ao menor dinamismo do gasto público: o crecemento do consumo privado en España é do 3,8%, fronte ao 0,4% en Galicia.
As exportacións galegas increméntanse un 2,2%, mentres que as importacións contraen un 0,7%. Francia, Portugal e Italia son os principais destinos das vendas galegas ao exterior. Pola súa banda, o 43,1% das compras proceden de Europa.
Dende o punto de vista da oferta, o forte dinamismo da industria manufacturera e da construción, así como o crecemento do sector primario definen o comportamento da economía galega no primeiro trimestre de 2025 en relación á media do Estado.
A distribución da renda é outra das variables macroeconómicas analizadas por este informe. Os expertos destacan dúas magnitudes: a remuneración dos asalariados (RANA) e o excedente bruto de explotación (EBE). Neste sentido, a mencionada evolución no ritmo de crecemento da economía galega tradúcese nunha mellora de ambos indicadores, aínda que con unha intensidade desigual: no último trimestre de 2024 (último dato dispoñible) o incremento do 6,1% do PIB nominal tradúcese nun crecemento do 3,7% na primeira e do 7,4% na segunda.