Oporto bate o seu récord de pasaxeiros en pleno debate sobre a coordinación dos aeroportos galegos
Sá Carneiro acaricia os 17 millóns de viaxeiros en 2025, un 6,2% máis e o triplo que os aeroportos galegos, e incorporará 21 novas rutas este verán
Instalacións do aeroporto de Sá Carneiro en Porto / Eixe Atlántico
“Mentres cada un mire o seu umbigo, Galicia non terá voos”. Con esas palabras despachaba Cesáreo Pardal as airadas reaccións ás propostas do Clúster do Turismo de Galicia, a entidade que preside, para artellar unha estratexia de coordinación dos aeroportos. Esta tarefa volveu cobrar protagonismo tras o tijeretazo de Ryanair ás súas operacións en España pola batalla que mantén con Aena, e que conlevou a saída da aeroliña irlandesa de Vigo e o peche da base de Santiago. Con todo, a idea de acadar un consenso respecto ao futuro das tres terminales galegas parece lonxana. O Clúster e a Xunta, basicamente aliñados, reprochan a Santiago, Vigo e A Coruña manter posicións localistas. Na cidade herculina e olívica consideran que se queren cercenar as posibilidades de desenvolvemento dos seus aeroportos nas urbes que constitúen o motor económico da comunidade. En Santiago, pola súa parte, reprochan á Xunta a falta de liderado para acadar unha estratexia común que levan anos demandando.
Mentres isto sucede Miño arriba, ao sur de Tui o aeroporto de Sá Carneiro vai vento en popa. As instalacións do Porto alcanzaron os 16,9 millóns de pasaxeiros en 2025, un incremento do 6,3% que supón un novo récord para o aeródromo luso. Nun comunicado, a xestora aeroportuaria ANA vinculou a mellora nas cifras ao “crecemento da conectividade transatlántica” a través de conexións con “Estados Unidos, Brasil e ao hub de Addis Abeba, cuxas operacións teñen continuidade e algunhas serán reforzadas en 2026”.
Comparativamente, Sá Carneiro experimentou un maior crecemento que calquera dos tres aeroportos galegos e move case o triplo de pasaxeiros que eles, pois, de maneira conxunta, superaron os 5,5 millóns en 2025, segundo os datos de Aena. Por Lavacolla pasaron 3,12 millóns de usuarios, un 14% menos; as aeroliñas de Alvedro moveron 1,29 millóns de pasaxeiros, un 4,4% máis; e en Peinador alcanzáronse os 1,11 millóns, un 5,3% máis.
Máis rutas para Sá Carneiro
O aeroporto do Porto avanzou que incorporará 21 novas rutas este verán, das que seis serán con destinos intercontinentais. ANA destacou o inicio das operacións de Delta AirLines cunha ruta a Nova York; os enlaces con Cabo Verde a través de easyJet e TAP; ou a nova ruta que estreará Ryanair a Rabat.
Entre os novos voos directos en Europa, a xestora apuntou as conexións con Sofía, a través de Bulgaria Air; Zúric, con Chair; Milán, con easyJet; Newcastle, con Jet2; Varsovia, con LOT Polish Airlines ou Praga, como SmartWings, entre outras.
.