Severino Escurís recibe o premio PEL á traxectoria empresarial da Deputación da Coruña
Valentín González Formoso destaca a "capacidade do empresario para «innovar, diversificar, inspirar ás novas xeracións e levar con orgullo o nome de Galicia por todo o mundo, sen esquecer xamais as súas raíces»".

Valentín González Formoso, presidente da Deputación da Coruña, entregou este mércores o Premio PEL á traxectoria empresarial a Severino Escurís Batalla, presidente honorífico de Actemsa.
O acto, celebrado na sede da empresa en A Pobra do Caraminal, contou tamén coa presenza da deputada de Emprego, Industria e Medio Ambiente, Rosa Ana García, o alcalde de A Pobra, José Carlos Vida, a concelleira Patricia Lojo, ademais da familia do galardoado.
Con este premio honorífico recoñécese a “longa e exemplar” traxectoria profesional do empresario ademais da súa contribución á creación de emprego e ao crecemento económico da provincia. Os Premios PEL (Plan Local de Emprego) da Deputación Provincial distinguen cada ano as mellores iniciativas empresariais e proxectos de emprendemento, así como a figuras singulares do tecido produtivo coruñés.
O presidente da Deputación destacou que «Severino Escurís é un exemplo de visión empresarial, traballo incansable e compromiso coa súa terra. Non só fixo crecer empresas, senón que contribuíu ao desenvolvemento desta terra». Tamén sinalou a capacidade do empresario para «innovar, diversificar, inspirar ás novas xeracións e levar con orgullo o nome de Galicia por todo o mundo, sen esquecer xamais as súas raíces».
Formoso engadiu que esta visita débese a «ter un detalle con Severino por todo o que fixo durante tantos anos e por contribuír, co seu traballo, a que A Coruña sexa a provincia máis importante de Galicia en termos económicos».
Pola súa parte, o alcalde de A Pobra agradeceu á “Deputación o recoñecemento a un dos nosos veciños máis queridos e a presenza do presidente hoxe aquí para entregarlle esta distinción”.
Traxectoria profesional
Nado en Rianxo o 18 de xullo de 1925, incorporouse á conservera familiar Escurís aos 17 anos e asumiu a presidencia do consello de administración en 1979. Tras a súa xubilación, en 1994 fundou Actemsa xunto aos seus fillos, impulsando desde o Polígono da Tomada un complexo industrial, “que hoxe é un referente internacional no sector do atún e as conservas”.
Ao longo da súa vida profesional, foi pioneiro na diversificación do negocio cara a áreas como a fabricación de envases, a flota atuneira, a alimentación animal e a implantación industrial no exterior, xerando miles de empregos directos e indirectos na comarca do Barbanza.
O empresario, que acaba de cumprir 100 anos, recibiu numerosos premios, entre eles a Medalla ao Mérito no Traballo do Goberno de España (2014) e a Medalla á Traxectoria Empresarial de Anfaco (2025). “Coa entrega deste premio, a Deputación de A Coruña honra a figura dun emprendedor que fixo da innovación, o compromiso co territorio e a creación de emprego os piares dunha vida dedicada á empresa e ao desenvolvemento económico de Galicia”.