A Audiencia de Pontevedra absolve a EiDF pero mantén dous anos e seis meses de cárcere para o seu expresidente.
A Audiencia Provincial de Pontevedra rexeitou os recursos de apelación que Fernando Romero, fundador de EiDF, presentou tras ser condenado a 30 meses de cárcere por cinco delitos contra a Facenda Pública e outro de falsidade en documento mercantil.
Fernando Romero, expresidente de EiDF Solar
Novo revés xudicial para Fernando Romero. A sección segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra rexeitou os recursos de apelación que o fundador e expresidente de EiDF presentou contra a sentenza pola cal o Xulgado do Penal número 2 de Pontevedra o condenaba a dous anos e seis meses de cárcere.
O tribunal consideraba que Romero fora autor dun delito continuado de falsidade en documento mercantil e, ademais, atribuíalle a comisión de cinco delitos contables do artigo 310 do Código Penal (contra a Facenda Pública). O Xulgado do Penal número 2 de Pontevedra condenaba así a Romero a unha pena de tres meses de cárcere por cada un destes delitos, aos que se suman outros 15 meses polo delito continuado de falsidade en documento mercantil, facendo así un total de 30 meses.
Esta sentenza, que datara do pasado mes de xuño constataba que EiDF e as sociedades Romar Xestión 2013 e Eficiencia Galega emitían e recibían facturas falsas por servizos inexistentes como «asesoramento xurídico», «informes técnicos» ou «estudos de mercado». Ademais, recollía que as súas contas anuais presentaban balances inflados entre os anos 2013 e 2015, o que xeraba unha apariencia ficticia de actividade económica. Ademais, o maxistrado subliñaba a existencia de «discordancias destacables» entre os «conceptos reflectidos nas facturas cos conceptos que recollen os libros diarios».
É por iso que impoñía penas de 10 meses de prisión a María del Carmen Martínez (nai de Fernando Romero) por un delito continuado de falsidade documental e outros 6 meses de prisión por dous delitos contables. Víctor Manuel Fontán (antigo responsable xurídico de EiDF), pola súa parte, era condenado a un ano e tres meses de prisión por outro delito continuado de falsidade documental e a outros seis meses por dous delitos contables. A multa, ao igual que para Romero, era de 10 euros ao día durante 9 meses, cifra que se reducía aos 4 meses no caso de María del Carmen Martínez.
EiDF e outras dúas empresas, absoltas
Esta sentenza, que foi recorrida, tamén impoñía unha multa de 50 euros diarios durante 4 meses a EiDF Solar pola comisión de dous delitos contables, ao igual que Romar Xestión 2013. A Eficiencia Galega, pola súa parte, condenábase por outro delito contable.
Agora, a sección segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra absolve a estas tres Eficiencia Galega e Romar Xestión dos seus delitos contra Facenda e a Seguridade Social e das multas de 4 meses cunha cota diaria de 50 euros, tal e como adianta o xornal Expansión.
No caso de Fernando Romero, María del Carmen Martínez e Víctor Manuel Fontán, a Audiencia Provincial de Pontevedra mantén as penas de cárcere. O fundador de EiDF alegou que se vulnerara o seu dereito constitucional á presunción de inocencia. Ao seu xuízo, “entrou condenado” nesta causa na que, ademais, segundo o seu relato, rompérase o principio de tipicidade e de taxatividade, así como dilacións indebidas, uns argumentos que non foron estimados polo tribunal.
Os condenados poden presentar un recurso de casación contra este fallo ante o Tribunal Supremo, que será quen teña a última palabra.