ERE de Nestlé en España: o comité denuncia que Pontecesures é «o centro máis afectado en relación ao seu tamaño»
A compañía presidida por Pablo Isla traslada á parte social que o expediente de regulación de emprego afectará a 27 persoas na factoría de Pontevedra dentro das 300 saídas que propón en toda España.
Pablo Isla, nunha foto de arquivo cando era presidente de Inditex, ao carón dunha imaxe da fábrica de Nestlé en Pontecesures (Pontevedra). Fotos: EFE e Nestlé España
Nestlé amosa as súas cartas en Galicia con respecto ao proceso de axuste de plantilla que pretende poñer en marcha en España e que afectará a 301 persoas. Segundo o comité de empresa do centro de produción do grupo de alimentación en Pontecesures (Pontevedra), a intención da compañía é reducir a plantilla da fábrica galega en 27 persoas dun total de preto de 200.
Nun comunicado, o comité de empresa manifestou o seu “rexeitamento frontal” ás saídas plantexadas pola dirección durante a reunión celebrada este mércores para a constitución da mesa negociadora.
“Trato desproporcionado”
Os representantes dos traballadores sinalaron que as medidas propostas pola empresa “suporía a afectación directa de 27 persoas en Galicia e, polo tanto, de 27 familias, o que consideran un impacto social de gran relevancia no entorno“.
O comité advirte de que o centro de Pontecesures “é o máis prexudicado en relación ao seu tamaño e número de traballadores en comparación co resto de plantas implicadas“, o que, ao seu xuízo, “evidencia un trato desproporcionado cara á plantilla desta fábrica”.
Advirte que son medidas “injustificadas” que “poñen en risco tanto a estabilidade laboral como o futuro industrial do centro galego, considerado estratéxico”.
Negociación
Neste sentido, amosa a súa disposición a negociar, pero sinala que “calquera proceso debe partir de propostas que non impliquen unha perda significativa de emprego”. Reclaman á dirección que reconsidere o seu plantexamento inicial e presente alternativas que permitan preservar o maior número posible de postos de traballo.
Así, non descarta a adopción de novas medidas se non se producen avances cara a un acordo equilibrado.
Doutra banda, na mañá deste mércores, representantes dos traballadores mantiveron unha reunión co secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, quen manifestou o seu apoio á plantilla afectada e a súa incomprensión ante as medidas de redución de emprego.