Fujitsu leva o computador da Xunta de 25 millóns e alíase con Telefónica nun macrocontrato da UE.
Ambos xigantes tecnolóxicos competiron pola licitación do Finisterrae IV do Centro de Supercomputación de Galicia, pero acaban de resultar adxudicatarios, de forma conxunta, do contrato para ampliar por 129 millóns outro superordenador no Barcelona Supercomputing Center.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, nunha visita o pasado outubro ás obras do novo edificio do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA). Foto: Xunta
Rivais nunha millonaria licitación en Galicia, pero membros dun mesmo consorcio noutra adxudicación dun supercomputador. Fsas Technologies, a rama da xaponesa Fujitsu especializada en computación de alto rendemento e intelixencia artificial (IA), acaba de resultar adxudicataria da licitación aberta polo Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga) para dotar á entidade dependente da Xunta do novo ordenador Finisterrae IV por máis de 25 millóns de euros. O xigante xaponés superou no camiño a competidores como o grupo español Telefónica e o francés Atos.
Como xigantes do sector da supercomputación e da IA, é habitual que estas multinacionais compitan en distintos procesos de concorrencia pública. De feito, tanto Fsas como Telefónica tamén se presentaron, por separado, a outra licitación do Cesga, neste caso para dotar á entidade pública dun ordenador cuántico de nove millóns de euros. O mesmo foi adxudicado de forma definitiva o pasado mes de decembro e, nese caso, foron os de Marc Murtra os que se levaron o gato á auga.
Rivais e socios
Con todo, ambas compañías non sempre son rivais. De feito, mentres en Galicia se resolvía a adxudicación do contrato do supercomputador de 25 millóns de euros, tanto Fsas como Telefónica recibían o encargo de levar a cabo, neste caso por 129 millóns de euros, o proxecto de ampliación do supercomputador MareNostrum 5 do Barcelona Supercomputing Center, nun procedemento levado a cabo pola European High Performance Computing Joing Undertaking (EuroHPC JU), a empresa conxunta de supercomputación da Unión Europea.
Este proxecto está cofinanciado ao 50% por EuroHPC ademais de España, Portugal e Turquía. O contrato enmárcase na posta en marcha da chamada factoría de IA do BSC, unha das sete primeiras infraestruturas deste tipo aprobadas pola Comisión Europea en decembro de 2024.
O obxectivo do novo instrumento é “democratizar o acceso á infraestrutura de supercomputación avanzada”, abrindo a capacidade de cómputo e almacenamento de MareNostrum 5 non só a grandes centros de investigación, senón tamén a pemes, startups de toda Europa e á administración pública.
¿Futura colaboración en Galicia?
O contrato de ampliación do superordenador MareNostrum 5 foi a parar a un consorcio empresarial liderado por Fsas e Telefónica. Haberá que ver se é a última operación á que concorren en alianza ambos xigantes nesta materia xa que, precisamente, o pasado outubro a Comisión Europea concedeu a España unha segunda factoría de intelixencia artificial, que irá parar ao Centro de Supercomputación de Galicia.
Neste caso, a posta en marcha desta segunda factoría de IA suporá un investimento total de 82 millóns de euros, entre a entidade europea de supercomputación, o Goberno central e a Xunta de Galicia. A fábrica galega de intelixencia artificial estará centrada no ámbito da saúde.
Centro de Supercomputación
Máis alá da futura fábrica europea de IA que se ubicará en Galicia e da de Barcelona, na que Telefónica e Fujitsu traballarán en alianza, o pasado día 20 de xaneiro, segundo a documentación consultada por Economía Digital Galicia, a xerencia do Cesga optou por adxudicar a Fsas Technologies a contratación dun superordenador, o Finisterrae IV, ademais dun sistema de almacenamento de datos por 25,1 millóns de euros, IVE incluído.
A oferta da filial de Fujitsu foi a que obtivo unha mellor puntuación, por riba de Telefónica e Atos.
O Cesga contaba cun orzamento de 56 millóns de euros, o máis alto da súa historia, para construír un novo edificio datacenter no Polígono de A Sionlla, en Santiago de Compostela, e mellorar as súas capacidades coa adquisición de novos equipamentos “que o converterán nun referente a nivel nacional e internacional no ámbito da computación de altas prestacións”. Todas estas actuacións están financiadas con fondos da administración autonómica, ademais do groso conseguido no marco do Perte Chip, con cargo aos fondos europeos Next Generation, que ascendeu a 47,4 millóns de euros.
Con ese millonario orzamento, a Xunta de Galicia encargou á UTE formada por Copasa e Dominion as obras do novo edificio de supercomputación, valoradas nuns 13 millóns de euros, e sacou a licitación outros dous contratos tramitados por vía de urxencia. Un, o deste supercomputador que acaba de ser adxudicado a Fsas e outro, o do ordenador cuántico de nove millóns de euros que se levou Telefónica.