Navantia e Windar cumpren 12 anos de alianza e unha decena de proxectos de eólica mariña desde Fene
Ambas empresas aproveitaron a súa participación na feira WindEurope para conmemorar esta etapa na cal colaboraron en 11 proxectos conxuntos valorados en máis de 1.600 millóns de euros.
Navantia e Windar conmemoran 12 anos de alianza / Navantia
Navantia e Windar celebran os 12 anos de alianza estratéxica na eólica mariña. Ambas firmas aproveitaron a súa participación en WindEurope, unha das principais feiras internacionais do sector eólico, para conmemorar esta etapa na cal traballaron en 11 proxectos conxuntos (a maior parte no estaleiro de Fene) que se desenvolveron en cinco países, nos que se construíron máis de 600 cimentacións para parques eólicos mariños. En conxunto, estes traballos representan un volume de negocio superior aos 1.600 millóns de euros.
A través dun comunicado, as dúas compañías celebran estes 12 anos de alianza, “un fito que reafirma a solidez dunha colaboración industrial construída sobre a confianza mutua, a complementariedade de capacidades e unha visión compartida do desenvolvemento da enerxía eólica mariña”. Esta alianza permitiu a Navantia Seanergies e Windar Renovables posicionarse como “referentes” no deseño e fabricación de estruturas para eólica offshore, con participación nalgunhas dos proxectos máis relevantes do sector en Europa e noutros mercados internacionais.
“Estes 12 anos de alianza entre Navantia e Windar estiveron marcados por importantes desafíos nun mercado cada vez máis esixente e competitivo. Con todo, grazas a unha aposta conxunta pola innovación, a formación e a mellora continua dos procesos produtivos, esta alianza soubo medrar e consolidarse como un referente no sector das enerxías renovables. Gustaríame agradecer a todas as persoas que formaron parte deste camiño, cuxo esforzo e compromiso foron clave para facer posible este éxito que hoxe cumpre 12 anos”, sinalou o presidente executivo de Windar Renovables, Orlando Alonso.
“A colaboración industrial é unha das señas de identidade de Navantia Seanergies. Estamos orgullosos desta alianza con Windar que nos permitiu ao longo de máis dunha década, situarnos onde estamos hoxe e converternos nun dos principais actores da Eólica Mariña”, afirmou o CEO de Navantia Seanergies, Javier Herrador.