Nova vida en Arenal: rolda os 270 millóns en vendas, un 11% máis, no seu primeiro ano con Druni e sen capital galego

O grupo perfumista, que mantén a súa sede social en Lugo a pesar da saída da familia Vázquez Marzán do seu capital, pechou o exercicio 2024 cun resultado case plano de máis de 14,6 millóns.

Rafael Marzán (al fondo a la izquierda) y trabajadoras de Arenal en la inauguración de una tienda en Ferrol el año pasado / Arenal

Rafael Marzán (al fondo a la izquierda) y trabajadoras de Arenal en la inauguración de una tienda en Ferrol el año pasado / Arenal

É un dos grandes grupos empresariais de Lugo. Perfumerías Arenal, fundada pola saga empresarial dos Vázquez Marzán, pero hoxe en día sen presenza galega no seu capital. A compañía mantén a súa sede social na comunidade, aínda que o ano pasado mergullouse nun proceso de integración co xigante valenciano Druni. A nova alianza entre as dúas cadeas finalizou cun reparto accionarial no que o 50% está en mans da familia Casp mentres que o outro 50% o retén a portuguesa Sonae. A fusión non sentou mal ao negocio, xa que a firma pechou 2024 cun avance nas súas vendas dun 11%, ata os 270 millóns de euros. O beneficio neto manteuse practicamente plano, en 14,6 millóns.

Segundo a última memoria anual de Arenal Perfumerías depositada ante o Rexistro Mercantil e consultada por Economía Dixital Galicia, o pasado 2024, a sociedade lucense rematou o ano con uns activos que se elevaron dos 117 aos 145 millóns de euros e cun patrimonio neto que tamén se estirou de 61,7 a 76,4 millóns. Con maiores gastos de explotación e un avance no apartado de gastos de persoal, de 24 a 28 millóns, a compañía apenas modificou o seu resultado de explotación, o propio da súa actividade, que quedou en case 20 millóns de euros.

Máis tendas e crecemento web

No informe de xestión que acompaña o seu balance, os administradores de Arenal lembran que foi no segundo semestre do ano pasado cando a sociedade pasou a integrarse dentro do Grupo Druni “co obxectivo de evolucionar no seu modelo de negocio e así conseguir sinerxías na xeografía española”.

“Neste contexto, durante o exercicio 2024, o importe neto da cifra de negocios viuse incrementado nun 11% respecto ao exercicio anterior, ata alcanzar os 268 millóns de euros, debido, fundamentalmente, á expansión do negocio no exercicio, motivado pola apertura de novas tendas e o crecemento das vendas web”, expoñen.

A saída dos Marzán

Foi no pasado exercicio no que, ademais de iniciarse a alianza de Druni con Arenal se consumou a saída do empresariado galego do seu capital. Desde 2018, a empresa galega estaba controlada polo grupo luso Sonae, que adquiriu o 60% do seu capital ao fondo Corpfin Capital mentres que os fundadores da firma retiñan un 40%.

No marco do proceso de integración de Arenal e Druni, o pasado ano, os Vázquez Marzán alcanzaron un acordo para traspasar ese 40% do capital á compañía valenciana.

A saída dos Vázquez Marzán do accionariado de Arenal Perfumerías non se traduciu nun reparto de dividendos conforme aos resultados do pasado exercicio, un movemento que acostuma a ser habitual ante a saída de socios ou o traspaso dunha sociedade. O ano pasado, os accionistas da compañía decidiron destinar o importe íntegro das súas ganancias, eses 14,6 millóns, a reservas. “Nos últimos cinco exercicios a sociedade non distribuíu dividendos e non houbo lugar outras propostas de distribución que foran votadas en contra por ningún dos socios”, apúntase na documentación consultada por este medio.

Arenal chegou a decembro de 2024 con un consello de administración conformado por 8 homes e dúas mulleres no que xa non hai membros da familia fundadora e que, agora, conta con Bernardo Casp, de Druni, como conselleiro delegado.

Na citada memoria, Arenal indica que durante o pasado ano, as retribucións salariais percibidas “por determinados administradores da sociedade cuxa actividade tivo lugar ata a data da operación” que levou á integración con Druni, ascenderon a 295.000 euros fronte aos 195.000 euros do exercicio precedente.

Historias como esta, en su bandeja de entrada cada mañana.

O apúntese a nuestro  canal de Whatsapp

Deixa unha resposta