Os acredores premen a Capital Energy, con 1.000 megavatios eólicos proxectados en Galicia.
Os fondos Ontario Teachers Pension Plan (OTPP), Copenhagen Infrastructure Partners e Incus Capital instan á compañía a deixar aparcados os plans co hidróxeno verde e os centros de datos e centrarse en rematar os seus proxectos eólicos.

Trabajador de Capital Energy frente a un aerogenerador. Capital Energy
Un novo desafío preséntase para Capital Energy, a compañía presidida por Xesús Martín Buezas que conta con máis de 1.000 megavatios (MW) proxectados en Galicia. Desta vez o obstáculo non está marcado pola paralización xudicial de proxectos senón pola presión dos acredores, que instan á compañía a deixar aparcados os plans co hidróxeno verde e os centros de datos.
Os principais acredores da compañía, ademais de BBVA e Eiffel, son os fondos Ontario Teachers Pension Plan (OTPP), Copenhagen Infrastructure Partners e Incus Capital. Segundo avanza El Español, os fondos piden a Buezas pechar os plans de desenvolver estes proxectos e centrarse en rematar os proxectos eólicos.
En xuño de 2023 a compañía materializou a súa aposta polo hidróxeno verde coa compra do primeiro electrolizador que prevía instalar a finais dese ano na Cidade da Enerxía (Ciuden), situada no municipio leonés de Cubillos del Sil. A operación pechouse a través da filial Quantum Hydrogen coa que o grupo de renovables aspiraba a crecer neste segmento.
O electrolizador, que contaba cunha potencia de 25 kilovatios, foi fabricado pola empresa segoviana H2Greem e estimábase que podería xerar hidróxeno verde coma para que un coche poida percorrer uns 1.200 quilómetros ao día, evitando a emisión de 32 toneladas ao ano de dióxido de carbono.
Centros de datos
A outra filial no punto de mira dos acredores é Box2Bit, que aspira a crear na localidade zaragozana de Cariñena un campus de centros de datos que suporá un investimento de 3.400 millóns, segundo anunciou o pasado outubro o presidente do Goberno de Aragón, o popular Jorge Azcón.
O proxecto daría emprego a 350 traballadores de forma permanente cando entre en funcionamento aos que habería que sumar os máis de 1.600 que serían contratados nas distintas fases de posta en marcha do proxecto. A previsión do Executivo aragonés é que a finais deste ano se poñerá a primeira pedra dos cinco edificios do campus que contempla o proxecto, que ocupará unha superficie de 28 hectáreas, e espera que estea terminado a finais de 2029.
Box2Bit constituíuse en 2021 co obxectivo de impulsar centros de datos sostibles e aspiran a ser “o referente en Iberia e Europa no desenvolvemento de infraestruturas dixitais sostibles, establecendo unha rede de centros de datos de última xeración que impulsen a transición enerxética global e conecten ás persoas co futuro dixital”.
Venda de activos
A finais de xullo Capital Energy pechou a venda ao fondo Equitix dunha participación maioritaria nunha carteira de 350 MW eólicos. Segundo avanzou entón Cinco Días a operación reportaríalle entre 700 e 1.000 millóns dependendo de se os parques son hibridados con fotovoltaica e almacenamento.
A compañía conseguiu refinanciar a súa débeda tras a entrada dos fondos. Incus Capital e Ontario Teachers Pensión Plan acordaron adiar os próximos vencementos até 2027, ademais de asinar un financiamento adicional de 50 millóns.
En 2024 Capital Energy alcanzou un marxe bruto de 65,6 millóns, cifra que prevé duplicar nos próximos dous anos até alcanzar os 150 millóns en 2026.
Paralización de parques
O grupo que preside Buezas acumulou proxectos eólicos en Galicia con máis de 1.000 megavatios eólicos pendentes de instalar repartidos en máis dunha vintena de parques, parte deles suspendidos cautelarmente polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
Un dos últimos foi o de Paradela que abrangue os concellos de Bóveda, O Saviñao, Paradela e Sarria. Os maxistrados entendían que polo menos tres dos aeroxeradores proxectados “haberán de ubicarse nunha situación seriamente próxima a vivendas, xa que non cumprirían coa distancia recomendable”.
O TSXG concluíu que “debe entenderse, necesariamente, e neste caso con todas as implicacións que debe conlevar polo que se refire non xa á protección do medio natural (en xeral, de todo tipo de especies animais e vexetais), senón á protección da saúde e o benestar do ser humano que habita na zona”.
Por outro lado, Capital Energy tamén presentou dous proxectos de eólica mariña fronte á costa galega, e de hidroeléctrica reversible no Tambre.