Actualizado
Pharma Mar gaña unha batalla na súa guerra con Facenda: consegue deducir o soldo do presidente, Fernández de Sousa
A Audiencia Nacional dálle a razón á biotecnolóxica e permite desgravar no Imposto de Sociedades as nóminas aboadas ao presidente, José María Fernández de Sousa, e ao vicepresidente, Pedro Fernández Puentes, tamén dono de Zendal.
				José María Fernández de Sousa, presidente de Pharmamar
Esta vez tocoulle gañar a Pharma Mar na disputa que mantén coa Agencia Tributaria polo Imposto de Sociedades da antiga Zeltia. A Audiencia Nacional estimou o recurso presentado pola biotecnolóxica e deu luz verde a que deduza do tributo os soldos aboados ao seu presidente, José María Fernández de Sousa, e ao vicepresidente, Pedro Fernández Puentes. Ademais das súas funcións executivas e no consello de administración, Fernández de Sousa e Fernández Puentes, tamén dono da farmacéutica Zendal, son o primeiro e o cuarto maior accionista do grupo. A segunda é Montserrat Andrade, a muller do presidente, e a terceira é Sandra Ortega, que controla un 5,15% da compañía a través de Rosp Corunna.
A Sala do Contencioso, nunha sentenza do pasado 11 de setembro, tumba o acordo de liquidación aplicado pola Dependencia
de Control Tributario e Aduaneiro da Delegación Central de Grandes Contribuyentes e a posterior resolución do Tribunal Económico Administrativo Central  (TEAC), que rexeitara en 2020 as alegacións de Pharma Mar para tentar rebaixar o Imposto de Sociedades en catro exercicios, de 2010 a 2013. A resolución da Audiencia Nacional permitirá rebaixar en case un millón de euros a factura fiscal da compañía. 
Recentemente, este mesmo tribunal, rexeitou un recurso do grupo por un motivo similar. Naquel caso, pretendía deducir 5,6 millóns no mesmo tributo nos anos 2010, 2011 e 2012 pola cesión de explotación de Yondelis a Johnson&Johnson en Estados Unidos. Con todo, aquela vez a Audiencia Nacional deu a razón ao TEAC. Ambos procedementos son da etapa de Zeltia, antes da aprobación da fusión inversa no ano 2015 coa que entón era a súa filial, Pharma Mar, agora matriz do grupo.
Pharma Mar e a ‘teoría do milímetro’
O debate xurídico en torno á deducibilidade da retribución de Fernández de Sousa e Fernández Puentes radica en que Pharma Mar tería incumprido certos requisitos da lexislación mercantil, como o recoñecemento en estatutos do cargo remunerado dos administradores e a aprobación en xunta da reforma estatutaria sobre a retribución en cada exercicio. Pero Zeltia era unha cotizada que cumpría estándares de goberno corporativo e aprobaba informes de retribucións, polo que entendía que “tampouco pode dicirse que haxa producido un incumprimento das normas mercantís, na medida en que estas, ante todo, pretenden a protección do socio, o que tivo lugar, posto que se trata dunha sociedade familiar na que os socios non se opuxeron á retribución dos administradores”
A Audiencia Nacional pronúnciase nese sentido, tomando como referencia sentenzas previas do Tribunal Supremo. Di o fallo que “non é necesario o cumprimento das formalidades propias da lexislación mercantil para excluir a deducibilidade dun gasto acreditado, contabilizado e en correlación cos ingresos, conforme á lexislación tributaria, superando así a denominada teoría do milímetro acollida no seu momento pola Sala Primeira, como igualmente a teoría do vínculo propia da Xurisprudencia da Sala IV do Tribunal Supremo, polo que resulta admisible a existencia de máis dun vínculo entre administrador e sociedade, de modo que a relación como administrador é compatible coa existencia dunha relación laboral de calquera clase, xeral ou especial”, expón a resolución, antes de estimar plenamente o recurso.