SAIC en España: 500 millóns de ingresos e 15 de beneficio controlados desde un holding en Holanda
O grupo chinés conta cunha filial en Madrid que realiza as compras de vehículos ao holding holandés da compañía para a súa venda en España, onde superou as 45.000 matriculacións o ano pasado, un 47% máis.
Inauguración dunha fábrica de Saic Motor en Tailandia e un dos modelos de MG / Saic
A chegada do proxecto de SAIC a Galicia e, con el, a posibilidade de xerar unha cadea de valor da automoción arredor dunha planta no norte do territorio que se sumaría á de Stellantis no sur, está a medio camiño. Por diante quedan un montón de papeis por mover para obter os permisos e os terreos que permitan desenvolver as instalacións do grupo chinés e, despois, comprobar se estas se traducen no volume de emprego e de carga de traballo para os provedores do sector que desexa a Xunta. E cara atrás hai unha implantación exitosa da compañía no mercado europeo que a levou a considerar a construción dunha planta no Vello Continente e a elixir Ferrol para o seu primeiro centro de produción e loxística, favorecido polo seu acceso marítimo para a descarga de vehículos e pola súa conexión atlántica co Reino Unido, a principal praza de MG en canto a vendas.
No camiño xa andado, SAIC Motor deseñou unha estrutura societaria para Europa que ten como pezas centrais un holding holandés, domiciliado en Ámsterdam, e o grupo de sociedades do Reino Unido que floreceron tras a adquisición de MG en 2007 e que presentan como empresa máis musculada a SAIC Motor International UK, con máis de 1.500 millóns de ingresos ao peche de 2024. A arquitectura do grupo chinés esténdese ata España, cunha filial domiciliada en Madrid e que, á súa vez, depende da holandesa SAIC Motor Europe B.V, cuxa dominante última é a matriz de Shanghái.
SAIC Motor España, que ao igual que a filial alemá pende do holding dos Países Baixos, ten tres administradores vinculados á área internacional do grupo chinés: Hao Whang, Piao Chunxu e Hu Zhaoming, que combinan os seus cargos en territorio español cos que ostentan noutras filiais en Alemaña ou Reino Unido.
Os números de SAIC
A división española de SAIC manexa uns activos de 122,7 millóns. Nas últimas contas presentadas, as de 2024, SAIC Motor España alcanzou unha cifra de negocio de 493,4 millóns, por debaixo dos 554 millóns de 2023, que foi o curso no que desembarcou no mercado español. O grupo vinculou parte deste descenso á menor inversión en publicidade en comparación co ano do seu lanzamento.
Facturou menos pero foi máis rendible. A filial logrou un resultado de explotación de 19,5 millóns e gañou 14,9 millóns, por riba dos beneficios de 7,8 millóns do exercicio anterior. A sociedade tiña un patrimonio neto de 26,4 millóns, o dobre do ano previo.
As vendas de vehículos novos representaron 473,8 millóns de ingresos, a inmensa maioría da cifra de negocio, á que hai que sumar 19,5 millóns por vendas de recambios e accesorios. A práctica totalidade dos aprovisionamentos corresponden a compras á súa matriz, o holding holandés SAIC Motor Europe B.V, ao que adquiriu vehículos por valor de 443,1 millóns. O total dos aprovisionamentos foron 450,6 millóns.
O grupo chinés opera en España con Santander Consumer Finance, filial do banco de Ana Botín, para a cesión de crédito da rede de concesionarios.
As vendas en España
Segundo os datos de Anfac, SAIC superou as 45.000 matriculacións en España o ano pasado, un crecemento do 46,7%, co MG ZS como modelo máis vendido (23.731). Ese volume de matriculacións sitúa á compañía chinesa ao mesmo nivel que Mercedes, BMW ou Audi no pasado exercicio, no que estivo preto de duplicar as matriculacións de BYD, o rei do coche eléctrico chinés. O MG 3 e o MG EHS foron os outros dous modelos máis vendidos de SAIC en España, onde conseguiu asentar a marca que rescatou da quebra de Rover Group.