Coincidencias
O Atlas Galego da Empresa Comprometida editado por Economía Dixital Galicia, o Informe de Conxuntura Económica 2025 do Club Financeiro de Santiago e o Informe de Conxuntura Socioeconómica I/2026 do Foro Económico de Galicia, todos presentados en marzo, ofrecen trazos comúns na súa análise, aos que se deben incorporar outras cuestións para o debate.
Tres estudos de importancia para Galicia coincidiron temporalmente no xa finado mes de marzo de 2026: o Atlas Galego da Empresa Comprometida editado por Economía Dixital Galicia, xa na súa sexta edición, o Informe de Coxuntura Económica 2025 do Club Financeiro de Santiago e o Informe de Coxuntura Socioeconómica I/2026 publicado polo Foro Económico de Galicia; os tres, elaborados por prestixiosos e máis que acreditados expertos e expertas en economía. Anotamos expertas por mera coherencia semántica dado que, no conxunto dos nove autores especialistas involucrados, unicamente aparece como autora unha muller. Parece que na análise económica aínda como bebida espirituosa para o seu consumo se segue utilizando o lema que anunciaba hai xa moitos anos o brandy Soberano, “é cousa de homes”.
O común nos tres estudos
Entrelaçando datos das tres investigacións, e, como derivadas a modo de reflexións xerais, localizamos, polo menos, un terceto de cuestións xenéricas comúns que chaman a atención nunha comparativa a voar de paxaro, sen entrar nos detalles propiamente técnicos, en relación ao grupo de concienzudos e moi documentados análises: o incremento da actividade económica galega, en paralelo á propiamente nacional, o aumento da actividade laboral, tanto en cantidade como en calidade, e, por último, o peso de dous sectores económicos non só localizados nas súas masas produtivas como actividade propia e as súas consecuencias de todo tipo, tales como os compromisos cos ESG senón tamén xeograficamente: o téxtil-confección e o automóbil, ambos con epicentros moi localizados.
O propio da situación en Galicia
Á luz do aportado polas tres indagacións, apuntamos tamén, e na mesma liña, un terceto de cuestións que poden resultar de interese para o seu debate, agora que se vai producir entre o 8 e o 10 de abril o do estado da autonomía galega:
Primeiro, ¿Existe como tal un modelo económico de crecemento e consolidación propio de Galicia para o futuro, ou segue un formato en paralelo ao posible marco español e mesmo europeo? En relación co aportado polos analistas, parecería que se tratase, en definitiva, de seguir facendo o que xa ben sabemos facer. Un ecosistema económico propiamente galego, que non se compadeza e apoie só nun patrón continuista esixe unha reflexión con maior profundidade e, atreveríamonos a sinalar como algo obrigado dado o contexto de incerteza no que se move a economía mundial, libre, o máis posible, de connotacións ideolóxicas. E, se tamén fose posible, sen que apareza, dalgún modo e como xa inevitable, a sombra de Trump.
Segundo: ¿Que lugar ocupa o sector público en Galicia? Mellor dito, ¿En que consiste o público nun posible modelo económico propiamente galego? O peso específico de empresas e mesmo actividades referentes en pureza á xestión pública é cada vez menor. Acudir a fórmulas xa consideradas como “doutra época” tales como as nacionalizacións ou a compra de empresas clave en situacións de crise ten uns riscos, na actualidade, difíciles de asumir, dada a coyuntura económica mundial, tan oscilante e dependente, en particular, dos insumos enerxéticos.
Terceiro: A situación do déficit público e da débeda de Galicia, ¿Que consecuencias conleva? Cierto é que, aínda que se atope en proceso de redución, esta atópase, finalizado o 2025, no 13,9% do PIB galego (en 2010, a débeda supoñía o 10,90% do mencionado PIB).
Responder con propostas específicas na Cámara Autonómica de Galicia, no Parlamento Galego, polo menos a estas tres preguntas non é labor só do partido gobernante, senón tamén é responsabilidade das forzas que deberán contestar ao que poida ser exposto polo PP de Galicia como representante do goberno. Unha falta dun sereno análise da situación, ben expresada nos informes citados, restaría credibilidade ás propostas que se puidesen aportar tanto do goberno como das alternativas ao mesmo.
Cuestións xa de detalle como a estrutura poboacional e a súa influencia no capital humano laboral, o minifundismo empresarial endémico, a innovación como vector de competitividade ou a sustentabilidade como bandeira para un sano crecemento económico e social serán problemáticas tamén a considerar para o seu encamiñamento e, na medida do posible, a súa solución. Como ben apunta Julián Rodríguez, citando a Fernando González Laxe, nunha interconexión entre os estudos citados, a economía é un estado de ánimo, e en función diso, tómase determinadas decisións. E, por agora, iso non o imos poder solucionar acudindo á xa inevitable por onmipresente Intelixencia Artificial.