Escenarios para o ano vindeiro
Imaxe de arquivo do presidente dos Estados Unidos, Donald Trump / EP
¿Que se espera do 2026? De entrada, un cambio sobre a situación do 2025. Hai que ter en conta o feito de que o 2026 é un ano electoral nos EE UU, onde se celebrarán as eleccións denominadas do medio mandato. Por tanto, é lóxico pensar nun escenario pouco proclive a tensións comerciais. Entón, a fase de incerteza, a irrupción e efectos da IA, a sobrecapacidade chinesa, os déficits fiscais e o exceso de liquidez poderán seguir dominando os debates en torno aos escenarios e entornos xeopolíticos.
Ampliando un pouco máis nesta análise teriamos as seguintes consideracións. Os Estados Unidos de América centraranse na regulación, enfocando as súas accións cara ao desenvolvemento do friendshoring; isto é, políticas amigables cos seus aliados no plano económico, financeiro, comercial e de defensa. E, en segundo lugar, aplicaranse políticas de regulación acentuando e desenvolvendo accións de estímulo fiscal adicionais para captar máis adeptos e votos ao longo deste ano electoral. É dicir, actuacións discriminatorias por actividades, sectores e países; axudando a uns e entorpecendo a outros, sendo o resultado final un aumento do seu déficit.
Un dos grandes problemas da economía mundial é o exceso de liquidez. Dúas notas ao respecto. As bolsas estiveron crecendo aceleradamente ao longo do 2025 en todos os países, situándose en máximos históricos a maior parte delas. Os mercados emerxentes van cara arriba e en todas as áreas económicas sobra liquidez. A outra cara da moeda é que os segmentos máis baixos de ingresos están sufrindo cada vez máis, ampliándose os niveis de desigualdades. Na medida que estes últimos consumen pouco, apenas se teñen en conta nas políticas dos seus gobernos; pois interesan máis os activos (financeiros, reais e de vivenda) que están en exposición e que requiren e dependen de políticas nacionais. De aí que haxa que correlacionar o exceso de liquidez co perigo da inflación.
Se houbese un incremento da inflación (por exemplo, do 3,5%) o dólar apreciaríase e as condicións financeiras apertaríanse, podendo existir un perigo no mercado de bonos. Na medida que os déficits fiscais sexan abultados e difícil de corrixilos pode facer subir os tipos, endurecer as condicións financeiras e impactar nas bolsas. A iso poderiamos engadirlle o efecto dunha posible burbulla nas industrias da IA.
Europa, pola súa parte, seguirá pensando en como continuar as súas políticas de regulacións, con mentalidade anti-negocios e atrasada á hora de manifestarse e adoptar decisións claves. Por unha parte, non atrae investimentos; por outra, apenas desenvolve os procesos innovadores. Mantén a súa complexa gobernanza, que podemos definir como unha colección de países independentes con intereses independentes como acabamos de ver nas decisións de axuda económica a Ucraína ou na paralización do acordo de Mercosur. Dáse conta de que o seu problema é o demográfico, necesitando xente; pero ao mesmo tempo está en contra da inmigración. De aí que moitos informes económicos falen de risco ou estancamento económico, vai crecer menos e os problemas fiscais están ao caer. Lembremos que cada vez que un país europeo quere facer un axuste fiscal, xorde unha revolta social (Francia ou Alemaña, por exemplo).
As guerras comerciais serán moi selectivas neste ano 2026. A diplomacia norteamericana encárgase de determinar ditos movementos en función das súas apostas e intereses a curto prazo. China continuará coas súas estratexias de financiamento a cambio de acceso a recursos (terras raras e produtos alimentarios) e mercados, potenciando as súas relacións estratéxicas con aqueles países socios cos que forman unha tupida rede internacional.
O maior interrogante é que pasará coas empresas. Quizais, as que posúan intereses no estranxeiro terán que reorganizarse en función das súas alianzas xeopolíticas e en como reubicar as súas cadeas de valor globais. Os países e as empresas están deixando de pensar na globalización, para pensar máis na seguridade nacional. Isto é, existe o perigo de depender en demasía de certos inputs críticos dun país ou zonas xeográficas; pois se chega a xurdir un accidente xeopolítico a situación alteraríase. De aí a necesidade de ser autosuficientes en seguridade e en defensa.
Finalmente, a enerxía continuará sendo un dos principais eixos das batallas estratéxicas. Algunhas países (por exemplo, Alemaña) xa non poden seguir dependendo da enerxía barata de Rusia; outros non atopan fórmulas nin financiamento por apostas complementarias; e uns terceiros incrementan o seu grao de autonomía estratéxica nestes inputs. En suma, a enerxía converteuse na savia da economía e todos desexan ter polo menos un amplo colchón para abastecer o seu aparato produtivo interno.
Así as cousas, o ano 2026 será o das expectativas.