Eucalipto ou futuro

Por riba do debate entre eucalipto si ou non, imponse a cuestión sobre se queremos unha Galicia convertida nunha plantación industrial ao servizo da celulosa, ou unha Galicia que recupere soberanía territorial, produtiva e paisaxística.

Plantación de eucaliptos

Plantación de eucaliptos

No último Debate da Autonomía consolidouse unha liña de desenvolvemento baseada na expansión eólica e na captación de investimentos intensivos en recursos. Máis alá da pobreza do modelo —e mesmo a súa extemporaneidade—, a proposta evidencia a ausencia dunha estratexia solvente de país e ignora unha das principais eivas da economía galega: a progresiva renuncia á produción agroalimentaria en beneficio do monocultivo do eucalipto.

Unha evolución inaudita  

En febreiro de 2017 escribía o artigo “Galicia, de paraíso natural a inmenso eucaliptal” no cal denunciaba a expansión insaciable do eucalipto que estaba a transformar o país a unha velocidade anómala, alterando a paisaxe, condicionando o desenvolvemento agrario e reforzando un modelo territorial crecente ao servizo da celulosa. Nove anos despois, aquela afirmación vese absolutamente refrendada pola realidade.

Se collemos a serie longa do Inventario Forestal Nacional, había en Galicia 46.494 hectáreas de eucalipto en 1986, arredor de 174.211 en 1998, e 419.051 hectáreas para 2023, cifra que as últimas actualizacións por teledetección elevan ata as 438.156 hectáreas. Iso significa multiplicar por máis de nove a superficie desde 1986, ou dito doutro xeito, acreditar un crecemento insólito do 842% que posiblemente sexa incluso maior pois moito do eucalipto insertado no bosque mesto é difícil de computar.

Se comparamos este dato coa evolución da superficie agraria útil, o contraste resulta implacable. Galicia perdeu entre 160.000 e máis de 200.000 hectáreas nas últimas décadas, segundo distintas fontes. Neste proceso, o país foi abandonando progresivamente a súa tradición agraria e reducindo de forma drástica —cando non eliminando— cultivos hortofroitícolas, cerealísticos e arbóreos de froito. O resultado é unha posición claramente deficitaria, na que Galicia apenas é capaz de cubrir unha pequena parte do seu consumo de produtos vexetais. Nesta etapa de gran inestabilidade xeográfica, o obxectivo da soberanía alimentaria, que moitos países consideran estratéxico, está hoxe máis afastado ca nunca.

Os usos do eucalipto

O relato oficial fala de “necesidades da industria”, como se o país estivese obrigado a manter ou ampliar a superficie do eucalipto para garantir a supervivencia dun tecido transformador imprescindible. Cómpre lembrar que a maioría de países europeos con factorías de celulosa ou fábricas de madeira, non producen nin unha soa Tm de eucalipto nos seus bosques; o que precisan, impórtano. Porén, incluso asumindo que sexa esencial proveer de eucalipto local á industria galega, vemos que as cifras non xustifican en absoluto os volumes de produción.

Segundo distintas fontes, en Galicia as cortas anuais de eucalipto poden chegar ao 5,8 millóns de metros cúbicos. Atendendo a datos da Escola de Enxeñaría Forestal de Pontevedra, arredor de 2,6 millóns de metros cúbicos transfórmanse en Galicia: uns 1,5 millóns para a pasta de papel de Ence, 400.000 para taboleiros, 200.000 para serrado e uns 500.000 para biomasa e leñas. Os outros 3,2 millóns de metros cúbicos saen fóra, o que significa que o 55% da madeira de eucalipto de Galicia se envía en bruto a outros mercados, Asturias e Portugal entre eles.

Xa que logo, cando a Xunta e o propio Rueda, falan das “necesidades da industria”, débese entender basicamente a redución do coste da materia prima, pois como indica a regra número un da economía, canto máis medra a oferta dun ben, máis se reduce o seu prezo. Así pois, o efecto práctico da política expansionista do eucalipto seica é aumentar as marxes comerciais de Ence e, consecuentemente, o seu beneficio contable.

Os efectos da moratoria

A moratoria aprobada en 2021 nacía eivada. Non prohibía toda expansión potencial senón que deixaba marxes e excepcións e, sobre todo, descansaba nun sistema de control claramente insuficiente. O propio posicionamento asinado pola Fundación Arume, entidades da cadea madeira, comunidades de montes, fundacións e organizacións ecoloxistas recoñecen que a superficie de eucalipto seguiu aumentando. Con tódalas dificultades emanadas dos sistemas de medición, pódese afirmar que dende o anuncio da moratoria, a superficie de eucalipto en Galicia medrou por enriba das 25.000 hectáreas, unha cifra simplemente brutal.

O balance político resulta demoledor. A moratoria vendeuse como instrumento de contención e o resultado foi a expansión continuada. Como quedou dito, esa expansión non responde a ningunha necesidade social básica senón que serve exclusivamente para manter abundante e barata a materia prima das pasteiras e dos grandes compradores, comprimindo os prezos en monte e transferindo o custo ambiental ao conxunto do territorio. Namentres, o déficit da produción agraria para consumo humano continúa ampliándose.

Para completar o panorama, abonda con sinalar que namentres Galicia –con condicións climáticas e edáficas óptimas para a produción agraria– supón o 5,84% da superficie total de España, representa segundo o último Anuario Estadístico do MAPA, unicamente o 0,78% da superficie española dedicada a cereais en gran (non forraxeiro), o 2,33% da dedicada a hortalizas e leguminosas (sen a pataca), o 1,56% da dedicada a froitas e o 0,00% da destinada a oliveiras. As cifras falan por si mesmas: Galicia renuncia a producir alimentos para o consumo humano para especializarse en madeira como materia prima barata.

Imaxinemos por un momento que esas 25.000 hectáreas que medrou a superficie de eucalipto dende a súa teórica moratoria fosen destinadas a outros cultivos. Se sumásemos 25.000 hectáreas de oliveira, nacería un sector oleícola galego con dimensión propia. Se fosen 25.000 hectáreas de nogueira, abeleira, amendoeira ou pistacho adaptadas ás áreas máis acaídas, poderiamos abrir unha liña potente de froitos secos. Se falamos de maceiras, cerdeiras, pereiras, pexegueiros, aguacates ou cítricos nas comarcas axeitadas, estaríamos a recuperar un sector de froitas outrora puxante. E se destinásemos esas 25.000 has a cereais alternativos, leguminosas, proteína vexetal, horta fresca e industria agroalimentaria asociada, teríamos gañado base produtiva, valor engadido e soberanía alimentaria. A gran cuestión é: por que non se fixo? Peor aínda: por que non se fai?

O plan máis urxente

O escenario a curto prazo non invita ao optimismo. Ence segue sendo o actor dominante na compra de eucalipto, coa concesión prorrogada en Pontevedra e coa planta de Navia como polo engadido de demanda. Altri, mesmo tralo paso atrás na súa planta de Palas, estase a converter nun axente importante no forestal en Galicia. E Navigator, a principal pasteira lusa, vén de anunciar a ampliación das compras en Galicia coas cales pretender continuar á expansión da superficie dedicada a eucalipto ante as limitacións impostas en Portugal.

Isto significa que, ou hai unha intervención forte do goberno galego, ou Galicia vai seguir funcionando como reserva de fibra barata para grupos empresariais con centros de decisión fóra do país. En amplas áreas da Coruña, Pontevedra e do norte de Lugo, o eucalipto xa é hexemónico; mesmo en Ourense, onde hai pouco non existía o problema, o inventario xa detecta presenza da especie. A que esperamos para reaccionar?

A consigna non pode ser outra que esta: STOP EUCALIPTIZACIÓN XA. A nova moratoria quedou vencida antes de entrar en xogo. O que fai falta é un plan de choque con criterios territoriais determinantes que identifique as áreas máis sensibles para actuar.

Primeiro, débense eliminar os eucaliptos que están contaminando o bosque autóctono ou colonizando as súas marxes, porque aí é onde a invasión produce un dano máis irreversible sobre biodiversidade e estrutura do hábitat. En cada concello, detéctanse decenas de casos onde o eucalipto está desprazando o bosque propio a ritmo vertixinoso. Hai que actuar aquí sen dilación. 

Segundo, temos que recuperar para uso agrario os terreos forestados que antes foron agrarios e seguen tendo aptitude para producir alimentos. A literatura sobre a evolución da terra en Galicia insiste en que o abandono agrario foi unha das grandes vías de entrada da forestación espontánea ou inducida. Se o país quere máis base alimentaria, ten que protexer e reactivar ese solo.

Terceiro, hai que retirar o eucalipto dos espazos protexidos e das súas zonas tampón ou buffer zones. O dato das Fragas do Eume é un aviso moi serio: entre 1997 e 2022, o bosque autóctono no interior do parque perdeu un 17,6% e a presenza do eucalipto aumentou un 48,2%. O eucalipto debe desaparecer de Parques Naturais, dos Parques Nacionais, das Reservas da Biosfera, da Rede Natura e dos Espazos naturais de interese local, co cal se preservará a paisaxe mailo atractivo turístico do medio natural galego.  

Cuarto, debemos protexer o Camiño de Santiago e as súas zonas lindeiras. Non hai razón para que a principal ruta cultural e turística do país atravesse corredores cada vez máis industrializados por unha especie alóctona, invasora e pirófita allea ao medio propio e carente de calquera atractivo paisaxístico.

Quinto, habemos actuar de maneira preventiva en Ourense e cortar todo eucalipto presente na provincia de modo que se empeza a expansión da especie nunha provincia que ata agora conseguira verse libre da praga.

Sexto: igualmente, resulta imprescindible actuar nos concellos onde o eucalipto xa superou limiares de dominancia. A lóxica debería ser a contraria da actual: non permitir que a especie pase determinados teitos municipais e reducila alí onde xa constitúe un monocultivo de feito.

Alén das medidas urxentes

O programa bosquexado na sección anterior encaixa co espírito da restauración da natureza e coa obriga de frear a simplificación extrema das paisaxes tal e como establece o Regulamento europeo de Restauración da Natureza, que insta a restaurar os ecosistemas degradados e a reverter a perda de biodiversidade, exactamente o contrario do que está a acontecer en Galicia. As medidas urxentes deben servir para protexer o territorio e a paisaxes máis sensibles. Pero a medio prazo Galicia necesita un obxectivo aínda máis ambicioso.

Visto o nivel de degradación acadado, hai que fixar obxectivos específicos de redución programada e sostida da superficie de eucalipto e reorientar unha parte substancial desa terra cara a usos forestais e agrarios de maior valor social. Fixar un horizonte a medio prazo de 200.000 hectáreas debería ser un propósito de país no cal coincidisen as forzas políticas con independencia do seu signo. E isto porque resignarse a que o país siga entregando centos de miles de hectáreas a un modelo extractivo que empobrece a paisaxe, debilita o agro e subordina o territorio ao prezo da pasta de papel, implica un suicidio colectivo propio de estultos e incapaces.

Dende este artigo, facemos un chamamento ao goberno da Xunta e á oposición para aplicar un plan ambicioso común, no que ademáis das medidas apuntadas, se garanta o programa de acompañamento preciso. AGADER, os GDR, o CIAM e os concellos deben dispoñer de medios, mandato e instrumentos para asesorar propietario a propietario, comarca a comarca, sobre que alternativas forestais e agrarias son técnica e economicamente máis rendibles. Esa é a única forma seria de pasar do diagnóstico á reconstrución produtiva do país. Porque por riba do debate entre eucalipto si ou non, imponse a cuestión sobre se queremos unha Galicia convertida nunha plantación industrial ao servizo da celulosa, ou unha Galicia que recupere soberanía territorial, produtiva e paisaxística.

Comenta el artículo
Marcelino Fernández Mallo
Sigue al autor

Historias como esta, en su bandeja de entrada cada mañana.

O apúntese a nuestro  canal de Whatsapp

Deixa unha resposta

SUSCRÍBETE A ECONOMÍA DIGITAL

Regístrate con tu email y recibe de forma totalmente gratuita las mejores informaciones de ECONOMÍA DIGITAL antes que el resto

También en nuestro canal de Whatsapp