A fuxida de Ryanair resucita o debate sobre a coordinación dos aeroportos galegos.
A Xunta móstrase disposta a presentar a Aena unha estratexia de coordinación dos aeroportos da Coruña e Santiago, ante a petición dos concellos.

A ira de Ryanair coas taxas de Aena asolou de xeito contundente aos aeroportos galegos, especialmente ao de Santiago, onde a aerolínea irlandesa retirou a súa base, e ao de Vigo, onde deixou de operar, aínda que o seu volume de actividade era máis reducido. O novo escenario sacou do esquecemento o vello proxecto de coordinar os aeroportos galegos para procurar acadar unha oferta coherente de rutas e servizos que favoreza a súa competitividade.
A Xunta transmite unha mensaxe clara. A directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, mostrou a “disposición” do Goberno galego para elaborar e presentar a Aena unha proposta de estratexia aeroportuaria común, despois de que este mércores o solicitasen directamente a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e o concelleiro de Turismo do Concello da Coruña, Gonzalo Castro.
O papel de Aena e de Vigo
Os concellos piden que sexa a Xunta quen lidere a proposta de coordinación, mais o Goberno galego advertiu que é o Executivo central quen ten as competencias. Por iso, aínda que está aberto a deseñar a estratexia e presentala á empresa pública Aena, ten “poucas expectativas” de que funcione.
Este intercambio de opinións produciuse no marco dun coloquio sobre os aeroportos da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, organizado polo Club Financeiro de Santiago, no que tamén participou o alcalde de Braga, Ricardo Rio. A organización trasladou ao comezo que Aena e o Concello de Vigo tamén foran convidados, pero rexeitaron participar.
Reunión con Ryanair
A rexidora de Compostela, Goretti Sanmartín, informou de que pedirá unha nova reunión a Ryanair para coñecer as súas expectativas de cara á campaña do verán de 2026. Precisamente, na pasada xornada tivo un encontro con traballadores da compañía, que se enfrontan a un ERE. Asimesmo, trasladou outra petición de reunión ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, sobre quen considera que ten a responsabilidade de “decidir ir para adiante” e liderar esta política aeroportuaria común cunha estratexia a medio prazo.
“Falamos dos aeroportos galegos como se estivesen a centos de quilómetros”, situou Sanmartín, que lembrou que a “distancia máxima” entre aeroportos son os 150 quilómetros que separan Alvedro (A Coruña) e Peinador (Vigo).
Neste sentido, trasladou a súa preocupación respecto dunha baixada de pasaxeiros, que cifra nun descenso do 12,8 % ata o mes de agosto. “Xa advertimos hai tempo que o incremento de cifras ía baixar e había que ter unha estratexia”, apuntou, ao mesmo tempo que reprobou ao Executivo galego un gasto de “millóns” en promoción turística. Nesta liña, chamou a ver a decisión de Ryanair como unha “oportunidade” e impulsar o traballo conxunto. Pola súa parte, comprometeu o traballo do Concello para seguir en conversas con outras aerolíneas e as demais con presenza en Lavacolla.
Complementariedade e non competencia
A petición dunha “estratexia de complementariedade e non de competencia”, que Sanmartín pide á Xunta en liderar, atopou o apoio no concelleiro de Turismo do Concello da Coruña, Gonzalo Castro, quen ve a situación actual de competencia como “anómala”. “Non ten sentido que haxa dous voos distintos á mesma hora en dous aeroportos galegos“, exemplificou.
En palabras de Castro, “falta unha reflexión conxunta” do que “representa” cada un dos tres aeroportos galegos. “Iso só pode facelo o Goberno galego coa colaboración do resto de administracións”, continuou. Asimesmo, reprochou a Aena unha “falta de sensibilidade” e pide, entre outros, acceso a hubs internacionais.