Besteiro nega unha crise interna no PSdeG e reivindica as súas medidas contra o acoso.
"O que nos diferencia de outros partidos é que somos coherentes e previsibles na nosa forma de actuar ante comportamentos sexan de acoso sexual ou de corrupción", defendeu o líder dos socialistas galegos.
El secretario xeral del PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, en rueda de prensa / PSdeG
José Ramón Gómez Besteiro fai balance dun final de ano marcado polas denuncias de acoso sexual contra José Tomé e as de acoso laboral contra o alcalde de Barbadás, Xosé Carlos Valcárcel, e a alcaldesa da Coruña, Inés Rey.
O líder dos socialistas galegos rexeitou falar de crise interna no partido e defendeu a actuación da dirección galega ante estes casos. Nunha rolda de prensa celebrada este luns no Parlamento de Galicia, Besteiro manifestou que espera que o Comité Nacional previsto para o 10 de xaneiro acolla un debate “sensato” en relación coas denuncias no canal interno da organización.
Un canal do que afirmou estar “orgulloso”, xa que, na súa opinión, “avanzar en dereitos supón tamén ser decidido na utilización deses mecanismos”. “Todas esas cuestións das que falamos a finais deste ano serán obxecto deste debate, pero eu non lle chamaba crise”, concluíu.
Nesta liña, o secretario xeral insistiu en que a “experiencia” levará a melloras no canal que, reiterou, “nace para protexer ás vítimas”. “As perfeccións prodúcense coa experiencia”, manifestou antes de sinalar que “ser os primeiros” en contar con esta ferramenta supón que teñen que “asumir que os mecanismos que se fan non son perfectos”, pero si “a vontade de que ese mecanismo funcione”.
Sobre as críticas no seo do partido, Besteiro insistiu en que se debe debater “sobre os feitos” e de “como se teñen que facer as cousas”, recoñecendo que pode haber xente “que non estea de acordo” con el, pero trasladando que “ante determinados comportamentos actuouse con responsabilidade”. “O que nos diferencia doutros partidos é que somos coherentes e previsibles na nosa forma de actuar ante comportamentos sexan de acoso sexual ou de corrupción. Actuamos, non miramos para outro lado como facía o PP. ¿Esa actuación xera dor? Si, pero dános confianza de que ese camiño que enfrontamos é serio, coherente e á vista de todo o mundo”, reivindicou.
Da Coruña a Barbadás
En paralelo, tras ser preguntado polas diferenzas entre a actuación da Executiva ante as denuncias de acoso laboral en Barbadás (onde se pediu a dimisión do alcalde) e na Coruña, contra a alcaldesa, Inés Rey, e o seu número 2, José Manuel Lage Tuñas, Besteiro subliñou que na dirección galega non teñen coñecemento do que se está realizando “na xestión das denuncias no canal”.
Neste sentido, Besteiro explicou que no caso de Barbadás hai “un acoso laboral vinculado a un acoso sexual”, mentres que na Coruña “aparentemente é laboral” pero, reiterou, non ten coñecemento “do contido de todo o que se está producindo nese canal”. “Sería neglixente facer unha valoración sobre algo que descoñezo”, apuntou.
Cuestionado sobre se o partido debería pedirlle a renuncia a Inés Rey igual que ao alcalde de Barbadás, o líder do PSdeG sinalou que o acoso laboral, “se se concreta”, podería ter que derivarse “ao comité de garantías ou ao procedemento de xurisdición laboral”.
Así, detallou que será o órgano de acoso quen decida a que órgano se derivan “determinados comportamentos” que, engadiu, el non pode “prexulgalos”.
Incógnita na Deputación de Lugo
Por último, preguntado sobre se o nome do novo presidente/a da Deputación de Lugo se coñecerá no Comité Nacional, Besteiro lembrou que a votación na institución provincial levarase a cabo catro días máis tarde, o 14 de xaneiro, e asegurou que espera que “as cousas funcionen con normalidade”.
Incidiu en que o cambio na presidencia da Deputación debe dar continuidade aos gobernos socialistas na provincia dos que, ensalzou, saíron “políticas de apoio aos concellos, de desenvolvemento e que non supoñan retrocesos”.
Por outro lado, preguntado polo calendario para ter listos os candidatos ás eleccións municipais do 2027, Besteiro indicou que se fará “no ámbito estatal”, aínda que augurou que a previsión é que se dé a coñecer “en torno á metade do ano 2026”.