Elisa Ferreira, excomisaria europea: “A política de cohesión debe protexerse ou Europa corre o risco de separarse”

A economista portuguesa, comisaria europea de Cohesión e Reformas ata 2025, amosa a súa preocupación polo futuro da política de cohesión nun contexto de rearme, eloxia a Amancio Ortega e sitúa como gran reto de Galicia e o norte de Portugal reter o talento novo.

Elisa Ferreira, ata hai pouco comisaria europea de Cohesión e Reformas, acudiu esta semana a Santiago, onde participou no foro Adam Smith e Nós, organizado pola Fundación Juana de Vega. Non se sente allea a economista do Porto e ex vicegobernadora do Banco de Portugal en terras galegas, onde lembra o acordo para dar forma á Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal e reivindica a urxencia de reter aos mozos formados para non perder “o motor do desenvolvemento”. Tras unha ponencia na Facultade de Económicas da USC sobre o impulso da Unión Europea ao crecemento rexional, Ferreira conversa con Economía Digital Galicia sobre o futuro da Eurorrexión e das políticas europeas de cohesión nun contexto de tensión xeopolítica e rearme. Asegura que a UE presenta aos cidadáns a “materialización dunha utopía” que choca con outros modelos “antidemocráticos” como os que representan Rusia e a actual administración estadounidense.

A conexión de Alta Velocidade entre Lisboa e A Coruña parece abrir unha gran oportunidade para a Eurorrexión. Imos camiño de ser un territorio que necesita fondos de cohesión a outro que poida ser verdadeiramente competitivo a nivel europeo?

Dar consistencia á rexión que vai desde A Coruña ata Lisboa é fundamental. É necesario ter un acceso rápido, sexa alta velocidade ou non, que conecte Vigo e Oporto. As cuestións que se plantexan son se pode levar mercadorías e pasaxeiros, que na miña opinión ten máis sentido que sexan as dúas cousas con este volume de investimento, e a necesidade de que haxa intermodalidade, é dicir, que o tren faga a ligazón cos aeroportos e os portos. Imos ver se rematamos canto antes mellor. A segunda cuestión é diferente. Hai a intención de non recibir fondos estruturais para sempre e conseguir que o noso desenvolvemento sexa autosostible. Agora ben, pasar da situación que vivimos durante bastantes anos a unha situación de perda de fondos sería dramático. É preciso axustar eses fondos ao desenvolvemento da rexión. Desgraciadamente aínda estamos con atrasos, máis na rexión norte que en Galicia, que o fixo mellor. Mesmo así, imos necesitar un pouco máis de axuda. O importante é que a axuda se concentre nos sectores que xeran valor, ademais das infraestruturas que deben rematarse. O foco debe estar na creación de proxectos con valor engadido, vinculados á ciencia, á tecnoloxía ou á educación, e en crear empregos mellor pagados para reter aos mozos cualificados nas nosas rexións.

Preocúpalle que non poidamos reter o talento?

É o máis importante de todo. Se unha rexión perde aos seus mozos máis competentes perde o motor do seu desenvolvemento. É un asunto que ten que estar no centro da nosa axenda e require políticas converxentes. Neste momento, no que a vivenda está tan esaxeradamente cara e o emprego pode vivir fóra dos grandes centros urbanos pola dixitalización, as cidades medias poden ofrecer ese espazo. Necesitamos atopar ofertas de localización para empresas e mozos cualificados que queiran crear as súas familias en seguridade, con calidade de vida, e reequilibrar a concentración excesiva no litoral e nas grandes cidades.

Falou de conectar a través do tren portos e aeroportos. É desexable unha estratexia común e coordinada destas infraestruturas en Galicia e o norte de Portugal?

Europa está sempre estirándose cara ao leste porque cara ao oeste está o mar. Por iso, o centro xeográfico e económico tende a dislocarse cara ao leste. Isto ten que estar no noso pensamento. Como se di no Parlamento europeo, hai temas nos que podemos converxer e temas nos que podemos diverxer. Temos que seleccionar aqueles que son estratéxicos para converxer. Isto sucedeu en 1985 cando comezamos as negociacións entre a rexión norte e Galicia e percibimos que xuntos tiñamos unha voz máis forte. Pero para iso temos que saber a onde queremos ir. Hai un problema nun segundo nivel e é que Galicia ten autonomía e a rexión norte, non. Entón hai que convencer á capital de que é bo para o país que a rexión norte se desenvolva de maneira estratéxica. E, por outra banda, hai que coñecer as potencialidades dos territorios para que todos os países poidan facer a súa contribución ao crecemento, pois se está centrado nun só polo, será un crecemento fráxil.

En Galicia e o norte de Portugal hai grandes empresas e unha relación estreita tanto a nivel laboral como na actividade produtiva. Pero é posible que aínda quede camiño por percorrer ou que fagan falta máis empresas tractoras. Estou a pensar, por exemplo, que Inditex é a maior empresa galega, pero a súa presenza, como tampouco a de Textil Lonia, Bimba e Lola e outras, non evita que haxa crises periódicas e perda de emprego no téxtil do norte de Portugal.

Na rexión norte estamos moi agradecidos a Amancio Ortega e á súa filla porque o poder de Inditex non é cego ás necesidades sociais. Déronnos un apoio moi grande para o desenvolvemento científico e a innovación no Instituto Portugués de Oncoloxía no Porto (fai referencia á doazón da Fundación Amancio Ortega para a implantación da protonterapia). Nós percibimos no inicio da nosa cooperación con Galicia que tiña unha industria un tanto pesada. Mirar á rexión norte facilitou a transición. Alí había moitas pequenas e medianas empresas téxtiles e aínda agora hai moita subcontratación na rexión norte, e desde este territorio tamén se compra e inviste en Galicia. É certo que nesta situación actual de mercado, a economía ten altos e baixos. Un sector que hoxe é pujante, mañá ten unha crise. Pero o importante é que o territorio e a súa poboación estean preparados para ter resiliencia e saír da crise. A nivel institucional, e en termos de empresa, non podemos protexer todo, pero temos que atopar os mecanismos que permiten que cando unha empresa vai abaixo haxa unha recualificación das persoas, para que teñan outros empregos noutras industrias e empresas. Canto máis preparadas estean as persoas, máis sinxelo será atopar esas saídas.

– ¿Estase aproveitando ben o Plan de Recuperación?

Non fun responsable de xestionar o Plan de Recuperación, polo que tampouco quero facer valoracións. Si que podo dicir que o Plan de Recuperación e Resiliencia non pode ser a imaxe da futura política de cohesión. É perigoso que os fondos de desenvolvemento rexional se banalicen, que non estean asociados a unha estratexia de desenvolvemento efectiva. Iso pode provocar un insuficiente desenvolvemento económico debido a que se perdeu, en gran medida, a visión estratéxica de cara a onde temos que medrar para saír de producións de baixo valor engadido a sectores co valor engadido que queremos. Entendo que o problema central non é a falta de diñeiro, a discusión financeira, senón que a cuestión central é pensar que facer con eses fondos e cal é o valor engadido daquilo cofinanciado pola UE. Se se utiliza diñeiro de Bruxelas, temos que pensar a onde vai ese diñeiro, porque imos ser responsables del cando se no futuro non haxa fondos suficientes e os retos non se materialicen, especialmente nun contexto no que estamos afrontando grandes riscos a nivel de decrecemento, perda de capital humano, clima, defensa ou inestabilidade xeoestratégica.

– As matemáticas din que o acordo para destinar máis recursos á defensa pode detraer fondos de políticas de cohesión e desenvolvemento. E isto, á súa vez, podería provocar tamén un afastamento das políticas europeas de problemáticas que, a priori, son máis tangibles para a cidadanía, como o emprego, a vivenda ou as propias infraestruturas.

Creo que a política de cohesión non pode deixar de estar no centro da axenda europea na medida en que o consumo interno está no centro da estratexia europea. Enrico Letta, cando fai o seu informe, di que é necesario reactivar o mercado interno europeo, pero que tamén é preciso garantir o dereito de partir e o dereito de quedar. Isto significa ter oportunidades de vida no lugar onde están. Entón, eu apelo á política de cohesión.

Aquilo que foi presentado pola presidenta da Comisión Europea en xuño, paga a pena que os xornalistas o leades con moito coidado (refírese á proposta de Ursula von der Leyen de fusionar parte dos fondos de cohesión e agricultura nun novo Fondo Europeo de Competitividade para o período 2028-2034). Nesa proposta estáse anticipando que Faeder, Fondo Social Europeo, fondo de cohesión… se xunten todos e pasen a ser un fondo para a competitividade e coa súa xestión recentrada en Bruxelas e nos gobernos centrais dos países. O risco de perder o modelo de desenvolvemento de abaixo arriba para as comunidades e rexións é moi grande. A política de cohesión clasifícase como o pegamento que mantén Europa unida. O salto que deron os países adheridos despois do ano 2000 con estas políticas foi brutal, pasaron dun PIB per cápita medio do 50% da media da UE, e agora están no 80% do PIB per cápita medio. Por tanto, isto abre oportunidades de negocio e mercados. Neste momento, e este é o asunto central a seguir, xa hai unha axenda para a política de defensa con outra liña de financiamento, pero non hai dúbida de que o orzamento europeo está suxeito a tensións maiores que no pasado. Pero a política de cohesión ten que ser protexida porque, do contrario, Europa pode separarse.

Como se explica que medren as forzas máis ‘euroescépticas’ despois de todos os fondos mobilizados para combater o Covid e activar un Plan de Recuperación destinado a protexer a economía e aos propios cidadáns

Hai moitas razóns para o crecemento das forzas antieuropeas e antidemocráticas. Unha delas é que non se percibe a seguridade que outorga a pertenza á UE. Lembro que na crise do Covid, os políticos, xornalistas e cidadáns miraban para Europa, que non tiña competencias e dicían: ‘maldición, Europa, non fas nada’. Eu era comisaria e cos meus colegas e con Úrsula von der Leyen pensamos que, aínda que non tiñamos competencias, tiñamos que avanzar. Identificamos quen tiña a solución técnica, é dicir, a vacina; fomos buscar diñeiro para producir esas vacinas, e todos os países da UE, os grandes e os pequenos, recibiron a vacina ao mesmo tempo. Creo que Europa é un proxecto que preocupa aos ditadores porque presenta aos cidadáns a materialización dunha utopía, unha utopía de liberdade, de respecto polos outros e de progreso económico. Estes valores europeos son identificados por forzas exteriores, principalmente Rusia e a actual administración estadounidense, como un risco para os seus propios modelos de sociedade, que son antidemocráticos e totalitarios.

Historias como esta, en su bandeja de entrada cada mañana.

O apúntese a nuestro  canal de Whatsapp

Deixa unha resposta

SUSCRÍBETE A ECONOMÍA DIGITAL

Regístrate con tu email y recibe de forma totalmente gratuita las mejores informaciones de ECONOMÍA DIGITAL antes que el resto

También en nuestro canal de Whatsapp