O BNG cualifica de “borrado de probas” a disolución de Impulsa e o PSOE critica que se faga “pola porta de atrás”
O deputado do BNG Brais Ruanova cualifica a Impulsa como o paradigma da "política opaca e da economía de amigotes e chiringuitos do Goberno do PP", mentres que a deputada socialista Patricia Iglesias critica que o peche da sociedade se faga "en plenas vacacións".

Hemiciclo durante la comaprecencia del presidente de la Xunta, Alfonso Rueda, en el Parlamento gallego. Xunta – Archivo
O BNG e o PSdeG piden explicacións á Xunta tras coñecerse este xoves a disolución de Impulsa Galicia baixo o argumento de que cumprira “o seu propósito fundacional, contribuír a acelerar a recuperación económica de Galicia no escenario pospandemia”.
O deputado do BNG Brais Ruanova, sinalou que se trata de “unha sorte de borrado de probas” e dunha “fuxida cara adiante” tras deixar como legado “a ameaza dunha bomba ambiental”, en referencia á planta que a papeleira portuguesa Altri proxecta no concello lucense de Palas de Rei.
Neste sentido Ruanova referiuse a Impulsa como paradigma da “política opaca e da economía de amigotes e chiringuitos do Goberno do PP” e que, na súa opinión, “está máis vixente que nunca”.
Así, sinalou que a entidade, integrada pola Xunta (40%), Abanca (38%), Reganosa (12%) e Sogama (10%), “leva no foco do Consello de Contas desde a súa creación” pola “falta de transparencia no seu funcionamento”, así como pola “negativa” do Executivo autonómico a que “poida ser fiscalizada”.
Tamén puxo o foco en que a sociedade se disolva sen que trascendese “o acordo secreto asinado” con Altri en 2021. Un acordo que, lembrou, o BNG reclamou en varias ocasións.
A reacción do PSdeG
Nisto tamén coincidiu a deputada do PSdeG Patricia Iglesias, que cualificou de “curioso” que se tome esta decisión despois de que os socialistas reclamasen o documento “do pacto secreto” coa multinacional portuguesa.
Do mesmo modo, a parlamentaria pregunta que vai ocorrer con ese acordo e se agora o Goberno galego “o vai manter a salvo da fiscalización das institucións e do coñecemento público”.
Nesta mesma liña, Iglesias cuestionou o peche da sociedade “pola porta de atrás e en plenas vacacións”, ao tempo que subliñou que supón “a constatación do fracaso absoluto da política industrial do PP”. “A sociedade foi creada no 2021 coa promesa de atraer grandes proxectos ao noso país, ¿e onde están?”, manifestou.
Nesta disolución, Patricia Iglesias tamén ve “o modus operandi do PP: crear chiringuitos híbridos de colaboración público-privada para fuxir do control”.
Petición no Parlamento
Tras coñecerse a disolución, o deputado do BNG avanzou que os nacionalistas volverán a reclamar no Parlamento toda a documentación sobre o memorando de entendemento para o proxecto de Altri en Palas de Rei, así como explicacións sobre “como se vai recuperar o capital público que a Xunta incorporou” á entidade.
Tamén Patricia Iglesias afirmou que o Grupo Socialista continuará con as súas reclamacións e solicitará o acceso a toda a documentación relacionada con Impulsa Galicia a través dos organismos de transparencia e, de ser necesario, nos tribunais.