O BNG solicita un fondo de 200 millóns para reparar infraestruturas danadas polos incendios.

A súa voceira nacional, Ana Pontón, defendeu a necesidade de tomar "medidas extraordinarias" para "reparar as infraestruturas municipais e comarcais afectadas".

Ana Pontón, portavoz nacional del BNG

Ana Pontón, portavoz nacional del BNG

O BNG move ficha ante a vaga de incendios. A formación que encabeza Ana Pontón reclamou á Xunta de Galicia a posta en marcha dun fondo urxente de recuperación social e ambiental en paralelo coas labores de extinción dunha dotación mínima de 200 millóns de euros que permita “actuar con urxencia unha vez que se apaguen os lumes” para “reparar as infraestruturas municipais e comarcais afectadas”, así como “axudar ás persoas que perderon os seus bens neste momento”.

En rolda de prensa en Ourense na que estivo acompañada de representantes institucionais do partido Ana Pontón defendeu a necesidade de tomar “medidas extraordinarias” a curto e medio prazo nun rural que “xa non é o que tiñamos hai 30 anos”. “A Xunta de Galicia ten un fondo de continxencias que pode poñer en marcha para este tipo de cuestións e sabemos que todos os anos quedan centos e centos de millóns de euros sen executar”, engadiu.

Desde o partido, puxeron sobre a mesa a necesidade de levar a cabo unha “óptica de cooperación” para “traballar en paralelo” na extinción de incendios, pero tamén enfrontar as “consecuencias desta vaga”. Neste sentido, Pontón solicitou ao Goberno do Partido Popular que “deixe de agocharse” en teorías “falsas e conspirativas” de “tramas inexistentes” e asuma que os incendios “son un grave síntoma da súa política de abandono do rural”.

“Un punto de inflexión”

Ademais, a dirixente nacionalista subliñou que esta “vaga de incendios” debe supor un “punto de inflexión”. “O que non pode ser é que ano tras ano, cando se dan as condicións climáticas vexamos como Galicia arde, pero non se tomen medidas eficaces, valentes e necesarias para facerlle fronte”, lamentou.

É preciso “cambiar as dinámicas”, afirmou, para non “estar lamentando” como “arde o país” por mor de políticas forestais “fracasadas” ante un cambio climático que supuxo a queima de “máis de 20.000 hectáreas en Ourense” e o desaloxo de “centos de persoas”. “É fundamental que se articulen axudas económicas para aquelas explotacións tanto forestais como agrarias e gandeiras afectadas, ou que se poñan en marcha medidas para a recuperación ambiental das zonas queimadas”, engadiu.

Reclamou, ademais, que é “fundamental” que haxa unha “política integral de prevención”, ante incendios que supoñen un “antes e un despois” en sitios que “sabemos que arden sempre”.

Historias como esta, en su bandeja de entrada cada mañana.

O apúntese a nuestro  canal de Whatsapp

Deixa unha resposta