O discurso de Felipe VI divide (un ano máis) á clase política galega
O PPdeG apoia o chamamento "á convivencia", o BNG cre que "ignorou á xente" e o PSdeG ve ausencia de referencia á igualdade.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, xunto ao rei Felipe VI. Foto: PPdeG
A mensaxe de Noiteboa de Felipe VI divide un ano máis á clase política galega. Mentres o PPdeG celebrou o “chamamento á convivencia” do monarca, o BNG sostén que “ignorou os problemas da xente” mentres que o PSdeG sostén que pronunciou unhas palabras firmes “contra os radicalismos” pero que se esqueceu de facer referencias á “igualdade”.
PPdeG
A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, respaldou o chamamento á “convivencia” que fixo o Rei Felipe VI no discurso que ofreceu en Noiteboa e, neste sentido, puxo como exemplo a Galicia do “sentidiño”.
“Celebramos o seu chamamento á convivencia desde esta ‘terra acolledora’ que é Galicia, como a definiu a propia Princesa Leonor cando recibiu a Medalla de Ouro da nosa Comunidade”, lembra Prado, facendo tamén balance dun ano no que o Rei volveu visitar Galicia e a Princesa rematou a súa formación naval.
A número dous dos populares galegos considera que Felipe VI demostrou, na súa Mensaxe de Nadal, “que é o Rei que os galegos e galegas merecemos e necesitamos”. “Coas súas palabras conseguiu representar aos que compartimos os valores de convivencia, diálogo e confianza na democracia”, resume. Neste sentido, considera que “aquí non caben eses radicalismos dos que tamén falou e que camiñan en dirección contraria ao noso sentidiño”.
Por outra banda, destacou que Galicia está “centrada no importante”, como, engade, “impulsar medidas para o acceso á vivenda, un desafío que citou Felipe VI e que para a Xunta é xa desde hai tempo unha prioridade”.
“O discurso simboliza á Galicia real, que é leal á Constitución, que cre na fortaleza do modelo autonómico e que representa o presidente Alfonso Rueda e o PPdeG”, conclúe Paula Prado nun comunicado.
BNG
O BNG, pola súa banda, cualificou a mensaxe de Nadal do Rei Felipe VI como “unha evidencia de que a monarquía, máis alá de ser unha institución anacrónica, está afastada das preocupacións reais da cidadanía e das clases populares“. E é que, ao seu xuízo, “ignorou os problemas da xente”.
En un comunicado, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, sinala que “esta distancia pon en evidencia que a monarquía borbónica debe quedar atrás porque non representa ningunha solución para os intereses das clases populares galegas nin do conxunto do Estado español”.
Para Néstor Rego “é curioso que se sinalase fai 50 anos o inicio da democracia datándoa na coronación do seu pai, Juan Carlos de Borbón, coroado polas cortes franquistas, seguindo o desexo do ditador Franco que, previamente, o tiña designado como herdeiro da xefatura do Estado”. “A partir de aí, unha alabanza da Transición, da Constitución e da Unión Europea”, apunta.
“Esquécese que no caso de Galicia a Constitución establece serias limitacións democráticas e néganos como nación os dereitos que nos corresponden”. “Na Transición está a base de moitos problemas cos que nos atopamos hoxe en día“, asevera tamén.
PSdeG
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, destacou a mensaxe “firme” do Rei Felipe VI contra “os radicalismos”, en referencia ao seu discurso de Nadal.
Con todo, Gómez Besteiro manifesta que, no mesmo, botou “de menos” referencias á igualdade e a solidariedade”, entre outros aspectos.
“A mensaxe real, firme contra os radicalismos, tamén será compartida hoxe polos que están danando a convivencia, os que nutren a desconfianza, os extremismos e a desinformación“.
“Os que non se dan por enterados”, engade nun comunicado no que sostén que o noso sistema democrático “non é fráxil”. “Pero debemos coidalo e preservalo, educando nos seus valores”.
“Por iso botamos de menos referencias á igualdade, á solidariedade e á acción contra as matanzas como a de Gaza ou a loita contra a violencia machista, sen matices”. “Son valores universais que deben defenderse desde Galicia, desde o conxunto de España e tamén desde Europa”, conclúe.