O PP eleva o ton contra o TSXG pola súa “ofensiva” contra o sector eólico: “Son ganas de enredar”
O portavoz parlamentario do PPdeG, Alberto Pazos Couñago, advirte de que "o bloqueo" do TSXG e as "decisións" do Goberno de Pedro Sánchez poñen en risco ao sector, que só tivo "un mínimo incremento do 2%" en Galicia desde 2021.
Alberto Pazos Couñago – PPDEG
O PPdeG eleva o ton contra o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) ao que acusa de levar a cabo unha “ofensiva” contra o sector eólico galego a través de “innumerables trabas” a proxectos.
Así o apuntou este venres o portavoz parlamentario Alberto Pazos Couñago quen sinalou que “cando parecía” que os fallos do Tribunal Supremo e o Tribunal de Xustiza da UE “abrían un halo de luz” para o sector, o TSXG “volveu a sorprender” con novo pronunciamento no que “volve a insistir por terceira vez” sobre a tramitación ambiental da Xunta. “Son ganas de enredar”, recrimina.
Tras asegurar que respecta as decisións xudiciais, Pazos Couñago advertiu de que en Galicia se vive “unha situación única non só a nivel español, senón europeo”, pois o alto tribunal galego é o “único que está bloqueando por sistema os parques eólicos tramitados pola administración”
Adverte de que “o bloqueo” do TSXG e as “decisións” do Goberno de Pedro Sánchez poñen en risco ao sector, que só tivo “un mínimo incremento do 2%” en Galicia desde 2021.
Críticas do PSdeG
O PSdeG cargou este venres contra o que considera “bulos” de “cuñados” da Xunta en relación co fondo social do clima e a repotenciación eólica, co que Galicia “fai o ridículo” ante Bruxelas. Contrapón que o decreto estatal de repotenciación eólica ten unha folla de ruta de diálogo co sector fronte a unha repotenciación á que “obriga” a Xunta para os parques de máis de 25 anos, o cal foi recorrido ao Constitucional.
Preguntado por esta cuestión, Pazos Couñago tacha de “tomadura de pelo e fraude” o novo decreto do Estado, “a non ser que veña acompañado da retirada do recurso” contra Galicia. Recrimina o apoio do Grupo Socialista “a calquera cousa que veña de Madrid”. Tamén afea que a esquerda fale de que os populares son “amigos de determinadas empresas”, pero logo busquen paralizar a lexislación que busca axilización.
O PSdeG alerta de que haberá unha caída do 60% na recadación do canon eólico porque “está pensado para contar máquinas e non medir potencia”. Sobre este extremo, o popular lembrou que este canon foi “moi criticado” no seu día, se ben sinala que se pode “estudar un maior equilibrio posible entre a súa recadación e beneficios” que xeran nos municipios.