O PPdeG clama contra o Goberno por “boicotear” a transferencia da AP-9 a Galicia.

O PP rexistrou unha pregunta e unha iniciativa no Congreso e no Senado para esixir a transferencia da titularidade da autopista á Xunta de Galicia e a eliminación de peaxes.

El ministro de Transportes y Movilidad Sostenible, Óscar Puente, interviene en el Senado, a 12 de noviembre de 2024

El ministro de Transportes y Movilidad Sostenible, Óscar Puente, interviene en el Senado, a 12 de noviembre de 2024. Jesús Hellín / Europa Press

O PP galego volta á carga contra o Goberno central polo tema da transferencia da AP-9. Nunha pregunta rexistrada no Congreso dos Deputados, a formación que lidera Alberto Núñez Feijóo instou ao Goberno central a atender a demanda do Parlamento galego e “deixar de boicotear a transferencia” da autoestrada AP-9 a Galicia.

Neste sentido, os populares cuestiónanse se o Executivo estatal procederá a ordenar a retirada, como “autor e inspirador”, das oito emendas presentadas polo PSOE á proposición de lei orgánica de transferencia da titularidade e competencias da AP-9 a Galicia e que, segundo denuncian, “van en dirección contraria á vontade dos galegos”.

O PP indica que, deste xeito, na ponencia da Comisión de Transportes e Mobilidade Sostible poderase aprobar -sen dilacións e con urxencia- un informe que respecte a literalidade da dita proposición de lei orgánica, que ademais foi aprobada ata en catro ocasións no Parlamento de Galicia por unanimidade.

Sobre este punto, desde o PP lembran que, esta mesma semana, a través doutra iniciativa do Grupo Popular, a Cámara galega solicitou “por maioría” ao PSOE, “coa abstención dos socialistas”, que retire as citadas emendas por “desvirtuar o acordo unánime”. “Dixemos que íamos estar atentos e a esixir, e seguimos cumpríndoo, ata conseguir o que todos desexamos desde o primeiro día: unha AP-9 galega e sen peaxes“, expresou o deputado do PPdeG e vicepresidente segundo da Comisión de Transportes, Celso Delgado.

O PP censura que, “despois de case seis anos despois e máis de 60 bloqueos no Congreso, o PSOE rebélase ante o desexo dos galegos”. Os populares denuncian que as tarifas na autoestrada subiron ata un 32% desde o ano 2018, fronte ao 19% no resto das autoestradas do Estado e, a pesar das bonificacións, o custo medio por quilómetro para o usuario segue sendo o maior de toda España.

Ademais desta ofensiva na Cámara Baixa, os senadores do PPdeG no Senado rexistraron unha iniciativa para que a Comisión de Transporte e Mobilidade Sostible da Cámara Alta inste ao Goberno central a transferir á comunidade a titularidade e as competencias da AP-9, “respectando deste xeito, na súa integridade, a petición unánime do Parlamento de Galicia“.

“Que o PSOE rompa o acordo alcanzado demostra o dobre discurso do socialismo a nivel nacional e en Galicia, ademais de quebrantar unha demanda da sociedade galega para garantir unha xestión máis eficaz da principal vía que vertebran a nosa Comunidade”, expresan os senadores.

Historias como esta, en su bandeja de entrada cada mañana.

O apúntese a nuestro  canal de Whatsapp

Deixa unha resposta