O PSdeG acusa á Xunta de manter ocultos os contratos «a dedo» co despacho de Montoro.
Os socialistas alertan de prácticas de especial gravidade tras acceder aos expedientes de contratación dos 13 encargos que a Xunta fixo á empresa do exministro, todos entre 2009 e 2011, os primeiros anos de Feijóo en San Caetano.
O exministro de Facenda, Cristóbal Montoro, nunha imaxe de arquivo / EP
O PSdeG quere máis luz sobre as relacións da Xunta de Alberto Núñez Feijóo con Equipo Económico, o despacho fundado polo exministro de Facenda Cristóbal Montoro, agora investigado por presuntos delitos de organización criminal e tráfico de influencias. A deputada Patricia Iglesias asegura que, tras acceder o pasado 12 de setembro aos expedientes de contratación, o Grupo Socialista puido contrastar feitos de especial gravidade institucional, como a existencia de informes en forma de simples borradores, sen firma nin data, documentos sen identificación do persoal responsable e materiais de carácter xeral que se limitan a reproducir normativa fiscal estatal, sen adaptación ás competencias propias da Comunidade autónoma.
Entre a documentación revisada, conforme sinala a parlamentaria do PSdeG, figura un arquivo en formato PowerPoint relativo á fusión das caixas galegas, “sen conclusións técnicas nin recomendacións finais”, que, segundo apunta, “foi utilizado como soporte político para unha das decisións económicas máis transcendentais da historia recente de Galicia”. A integración de Caixa Galicia e Caixanova acabou coa quebra da entidade conxunta, Novagalicia, nacionalizada polo FROB e vendida posteriormente a Juan Carlos Escotet.
Iniciativa parlamentaria
Os socialistas rexistraron unha iniciativa no Parlamento de Galicia para esixir explicacións á Xunta pola “falta de transparencia” nas contratacións realizadas con Equipo Económico. Trátase de 13 contratos datados entre 2009 e 2011, os primeiros anos de Feijóo en San Caetano, por un importe conxunto de 172.838 euros. O Goberno galego xa informara destas contratacións cando trascendeu a investigación a Montoro, pero o PSdeG advirte que, ata o momento, non facilitou unha información completa, ordenada e verificable sobre o seu contido, utilidade real e xustificación administrativa.
Na súa momento, o Grupo Socialista solicitou formalmente copia íntegra de todos os contratos menores adxudicados a Equipo Económico, así como dos informes finais asociados a cada un deles. “A día de hoxe, esa documentación segue sen ser remitida, incumprindo os principios de transparencia, colaboración parlamentaria e control democrático da acción de goberno”, aseguran.
A iniciativa dos socialistas insta á Xunta a entregar de forma inmediata toda a documentación pendente, a explicar os criterios seguidos para a adxudicación reiterada de contratos a un mesmo despacho e a revisar os procedementos internos de contratación, especialmente no ámbito dos contratos menores, para garantir a trazabilidade documental, evitar a fragmentación indebida e reforzar os mecanismos de control e fiscalización.