Rueda, aberto a cambios na xestión forestal, ve “máis urxente” tramitar as axudas.

O presidente non descarta modificacións na estrutura que se ocupa da xestión dos recursos forestais.

El presidente de la Xunta, Alfonso Rueda, visita el centro de coordinación operativa (Cecop) provincial para hacer el seguimiento de la situación de los incendios

El presidente de la Xunta, Alfonso Rueda, visita el centro de coordinación operativa (Cecop) provincial para hacer el seguimiento de la situación de los incendios – XUNTA

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, non descarta cambios na estrutura que se ocupa da xestión de recursos forestais no seu Goberno, pero considera que agora “hai cousas máis urxentes”, como axilizar as axudas para paliar os danos. Logo tocará “unha análise sosegada” e, do mesmo, sacar conclusións para habilitar “melloras”. Pero facelo ao revés, advertiu, “non é útil”.

Tras a gran onda de incendios que afectou á comunidade e sen que aínda teña pasado a época máis perigosa para os lumes –este mesmo fin de semana rexistrouse un importante en Carballeda de Valdeorras, do que Rueda ratificou que “todo indica” que foi intencionado–, o presidente galego foi preguntado pola posibilidade de aglutinar toda a política forestal autonómica nun único organismo.

Críticas a Sánchez

A resposta de Rueda foi que está aberto a posibles cambios, aínda que non o urxirá, senón que priorizará outras cuestións e logo acometerá “unha análise sosegada”. En concreto, afirmou que “non” descarta modificacións na estrutura que xestiona os recursos forestais porque é partidario de facer “todo” o posible para “mellorar”.

“Pero creo que neste momento hai cousas máis urxentes”, sentenciou, antes de criticar que o seu homólogo estatal, Pedro Sánchez, anunciara unha axencia estatal de Protección Civil case de inmediato, pero “nada dixo de cando se van a convocar as axudas” para paliar os danos das lapas ou “como se vai a colaborar” coas comunidades para “mitigar” os efectos ambientais dos lumes.

Rueda criticou que a Dirección Xeral de Protección Civil estivo “bastante ausente” durante a crise incendiaria, ata que “a súa responsable (Virginia Barcones) apareceu á última hora a dicir as cousas que dixo e facer as descalificacións que fixo”. “Creo que iso non é útil e que hai cousas máis urxentes que deben ser feitas”, aseverou.

Comparecencia no Parlamento

Neste sentido, anticipou que na súa comparecencia deste martes no Parlamento de Galicia priorizará facer “unha análise do sucedido e das medidas que se van a implementar”. “Se despois iso leva a algún cambio de estruturas, pois farase”, engadiu, non sen matizar que “todo” o previsto “se pode facer neste momento coa estrutura actual”.

Entre críticas de BNG e PSdeG por non ter “cumprido” coas directrices do ditame que saíu da comisión de estudo post onda de lumes de 2017, Rueda subliñou que tamén aproveitará a súa comparecencia para “facer un balance do que se está executando”. “Que creo que unha gran parte. Creo non, cóstame que unha gran parte do establecido nesas recomendacións”, remarcou.

En todo caso, tamén abordará “o que queda pendente” e como se vai enfrontar, e do que a Xunta considera vixente. “Creo que hai moitas desas recomendacións que seguen sendo válidas, tanto que están en execución. E outras haberá que reactualizar ante os novos tempos e os novos lumes que tivemos en 2022 e especialmente neste ano 2025”, anticipou.

Superficie queimada

Despois de que a ministra para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico, Sara Aagesen, fixese eco da actualización de Copernicus que sitúa en case 144.000 as hectáreas queimadas en Galicia, Rueda apelou a esperar a que finalice “polo menos esta época tan complicada” de incendios para dar unha estimación definitiva.

E criticou un modo de actuar que, ao seu xuízo, practican “algúns responsables políticos” cuxo “maior interese”, queixouse, é “dar a entender que canto máis hectáreas arderon, mellor”.

Igualmente, minimizou que o secretario de Estado de Medio Ambiente, Hugo Morán, lle recriminase “frivolizar” co impacto dos lumes ao diferenciar a tipoloxía de superficie arrasada polas lapas e incidir en que unha parte importante era monte baixo.

“Foi o mesmo que nos dixo respecto á pretensión de Galicia de xestionar o seu litoral que era unha declaración de independencia. Creo que segue no mesmo nivel de rigor”, replicou o tamén líder do PP galego, quen rexeitou que busque “minimizar absolutamente nada”.

“Pero hai que contar o que hai. Simplemente dar os datos para que os coñeza a cidadanía. Non se frivoliza nada; dise, dentro da magnitude e da importancia do dano enorme que causaron os lumes, a división do tipo de terreo que ardeu”, zanxou.

Historias como esta, en su bandeja de entrada cada mañana.

O apúntese a nuestro  canal de Whatsapp

Deixa unha resposta