Actualizado
Os cinco retos das cidades galegas para impulsar a economía circular e a sustentabilidade
Representantes políticos e académicos coincidiron na importancia da colaboración entre administracións e cidadanía para impulsar a economía circular nas cidades galegas durante a presentación da cuarta edición do Atlas Urbano da Sostibilidade en Galicia, que encheu o auditorio da Fundación Paideia Galiza na Coruña.
Xosé Gabriel Vázquez presenta os datos do Atlas Urbano da Sostibilidade en Galicia acompañado da xornalista Cristina Díaz Pardo / Pablo Ares / Economía Dixital Galicia
O que non se pode medir, non se pode mellorar. A frase do físico e matemático inglés William Thomson Kelvi resonou este xoves na presentación do Atlas Urbano da Sostibilidade en Galicia, que na súa cuarta edición analizou a economía circular nas sete cidades galegas. O traballo coordinado polo profesor da Universidade da Coruña Xosé Gabriel Vázquez consolidouse ao longo dos anos con propostas pioneiras nos estudos sobre a Galicia urbana, e confeccionouse a base de medir moito. Nesta última edición foron ata 80 indicadores por cidade, plasmados nun informe que comparte a vocación dese axioma do lord británico, ser unha ferramenta útil para progresar na sostibilidade das urbes e nas prácticas e políticas que a impulsan.
Bernat García, director de Economía Dixital, puxo en valor un proxecto que parte da intuición e da análise calma e sosegada que “nos apaixona facer”, aínda en tempos de volatilidade e incerteza no xornalismo, de mensaxes rápidas e memoria curta das redes sociais. “Ver traballos con este valor engadido, desde un foco xornalístico e con achegas da sociedade civil, parécenos tan interesante que nos levou a replicar estes Atlas noutras comunidades onde estamos”, aseverou o director do grupo de comunicación.
Fíxoo no auditorio da Fundación Paideia Galiza na Coruña, onde asistiron á presentación a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez; o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso; o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro; o portavoz de medio ambiente do Partido Popular, Gonzalo Trenor; os exalcaldes da Coruña Carlos Negreira e Xulio Ferreiro; o exdirector do Igape Javier Aguilera; o decano do Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicacións de Galicia, Julio Sánchez Agrelo; o director de R e MasOrange en Galicia, Alfredo Ramos; ou o presidente da Fundación Juana de Vega, Enrique Sáez, entre outros.
As palancas de “alto retorno”
Na súa cuarta entrega, o Atlas Urbano da Sostibilidade en Galicia analiza a economía circular das urbes galegas desde o enfoque do Monitoring Framework for Circular Economy da Comisión Europea, que concibe a xestión das cidades como o proceso metabólico dun organismo vivo, que importa recursos, os transforma mediante procesos internos e xera emisións. “Nas cidades imos ben. En xeral, as sete urbes logran un aprobado, raspado se comparamos con Europa e na media en relación a España. Pero o Atlas non é tanto para aprobar, senón para informar e tomar medidas”, sinalou Xosé Gabriel Vázquez, recalando na idea dunha ferramenta cuxa utilidade se proxecta cara ao futuro.
E nese futuro houbo algunhas ideas compartidas tanto polo coordinador do estudo como polos representantes políticos e académicos que participaron no acto. A sostibilidade é un proxecto de país, cuxos avances requiren da colaboración entre administracións, cidadanía e tecido económico.
O traballo impulsado por Economía Dixital Galicia, en todo caso, foi propositivo ao identificar o que Xosé Gabriel Vázquez denominou “palancas de alto retorno”, cinco retos que son tamén oportunidades para avanzar na circularidade das urbes. A primeira desas palancas sería a transparencia administrativa e a homologación de datos, xa que hai lagunas de información. Sería necesario tamén incrementar o porcentaxe de reciclaxe dos residuos e activar o ciclo de biorresiduos, sobre todo, en Ferrol e Ourense. A terceira palanca sería o impulso á xeración de enerxía con iniciativas renovables. Engadiu Xosé Gabriel Vázquez a importancia da gobernanza forestal nun sentido amplo, incluíndo propietarios e administración, avanzando na protección dos bosques e os contornos verdes. Por último, mostrouse partidario do pago por xeración ou, dito doutra maneira, que o que contamine, pague.
O triángulo da sostibilidade
Os resultados do Atlas amosan que o avance da circularidade nas cidades galegas non é homoxéneo. Hai notables progressos en ámbitos como a recollida selectiva de residuos, a mobilidade sostible ou a calidade do aire, pero unhas urbes teñen un desempeño moi equilibrado, como Santiago ou Pontevedra; e outras presentan atrasos neses mesmos indicadores. Aínda así, as conclusións extraídas dos datos foron maioritariamente positivas. Esa mirada optimista compartiuna tamén Gumersindo Feijoo, doutor en Enxeñaría Química e catedrático da Universidade de Santiago de Compostela.
O tamén director científico do centro de investigación Cretus valorou especialmente o dato de xeración de residuos por habitante ao ano de 418 quilos, e sinalou que en Berlín, por exemplo, é de 454 quilos. “Ese indicador centinela apunta que en Galicia imos polo bo camiño, que desbotamos menos, porque o primeiro é non botar, e logo, reciclar”, destacou.

Un momento da intervención do director científico do centro de investigación Cretus da USC, Gumersindo Feijoo / Pablo Ares