Actualizado
Galicia incrementa un 13% os decomisos de peixe e marisco a furtivos no que vai de ano.
O servizo de Gardacostas decomisou un total de 16.637 quilos de peixes e mariscos a furtivos ata agosto, o que supón preto de 2.000 quilos máis que no mesmo período de 2024.

Servicio de Gardacostas de Galicia – ADRIAN IRAGO
Os decomisos de peixes e mariscos a furtivos en Galicia ata agosto alcanzaron os 16.637 quilos, o que supón preto de 2.000 quilos máis (+13,4) que no mesmo período de 2024.
Con datos ata o 4 de agosto de 2025, o servizo de Gardacostas, dependente da Consellería do Mar, elevou un 9% o número de infraccións impostas, ata un total de 1.509.
As 6.000 inspeccións realizadas nos sete primeiros meses saldáronse cun total de 18.655 artes intervidas, son máis de 5.000 que no mesmo período de 2024 (+38,7%).
Gardacostas de Galicia é o organismo autonómico encargado da vixilancia, busca, salvamento marítimo e a protección do medio mariño nas augas e litoral costeiro da comunidade e depende directamente da Xunta.
O polbo lidera os decomisos
Entre o global de 16.637 quilos incautados no que vai de 2025, sobresaen os 5.924 quilos de polbo (o 35,6% do total) intervidos. Supón case tres veces máis que os 2.262 quilos a estas alturas de 2024.
A seguinte especie con maior cifra de decomisos é a sardiña, con un total de 4.196 quilos, seguido de centola (1.345 quilos), mexillón (750 quilos), ourizo (691 quilos) e xiba (630 quilos).
Por tipo de infraccións, das 1.509 detectadas case a metade corresponden con operativos no mar (743), seguido por portos (359) e praias-costa (157) entre as principais.
Servizo de Gardacostas
Este servizo conta con máis de 35 anos de historia, aínda que a súa denominación de Gardacostas créase definitivamente por lei en 2004.
Gardacostas de Galicia estrutúrase en servizos centrais e periféricos. Os periféricos organizanse en nove unidades operativas (Celeiro, Ferrol, Coruña, Muxía, Portosín, Ribeira, Vilaxoán, Pontevedra e Vigo), con un xefe de unidade operativa á fronte que coordina ao persoal adscrito á mesma.
Os órganos centrais asumen a dirección do servizo correspondéndolles, en xeral, o establecemento de estratexias e directrices, a programación das actuacións, o seguimento, coordinación e control das actividades programadas, entre outras.
Gardacostas forma un colectivo que suma unhas 300 persoas entre inspectores, subinspectores, patróns, mecánicos, vixiantes mariñeiros e persoal de empresas que colaboran co servizo.
Os medios cos que conta este servizo son máis dun centenar entre aéreos, marítimos e terrestres.
Os medios aéreos son os seguintes: un helicóptero Pesca 1 (base in Vigo) e helicóptero Pesca 2 (base en Celeiro). En total, o servizo aéreo está formado por: 18 pilotos, nove operadores de grúa, nove rescatadores, 10 técnicos de mantemento e un administrativo.
Son 24 os medios marítimos: tres buques; tres buques multipropósito (‘Sebastián de Ocampo’, ‘Irmáns García Nodal’ e ‘Valentín Paz Andrade’); nove patrulleiras pesadas, un remolcador e 11 planeadoras. A eles súmanse 75 medios terrestres.