Torre de Núñez supera os 43 millóns en vendas, un 7% máis, o ano da súa entrada en Ucraína
Vista exterior da sede de Torre de Núñez
Torre de Núñez, empresa cárnica con base de operacións en Lugo, pechou o 2025 con un incremento na súa facturación do 7% ata acadar os 43,5 millóns. “Estes resultados consolidan a evolución positiva e reflicten o traballo realizado en áreas clave para a compañía: crecemento industrial, internacionalización, eficiencia e sustentabilidade”, explican desde a empresa.
O pasado exercicio a empresa aumentou ata 35 os países aos que exporta sendo Ucraína un dos novos mercados nos que empezou a operar. Entre os fitos máis destacables do 2025, a compañía destaca o avance na ampliación das instalacións en Conturiz, con máis de 3.000 metros cadrados adicionais.
Tamén conseguiron o certificado Resíduo Cero de AENOR; a empresa consegue valorizar máis do 90% dos seus desperdicios.
“Os nosos fundadores, Manuel José Núñez Aldegunde e María Asunción Torre Penelas, comezaron hai máis de 50 anos distribuíndo os seus elaborados cárnicos por todos os recunchos de España. A excelente acollida dos seus produtos fixo que nos anos 80 iniciásemos un proceso de expansión que deu lugar á construción da nosa primeira fábrica nos arredores de Lugo, sentando as bases do que hoxe é Torre de Núñez”, explican desde a compañía na súa páxina web.
Instalacións de Torre de Núñez
A planta de Conturiz, inaugurada no ano 2000, conta cunha superficie de 15.000 metros cadrados dedicados á produción de embutidos e ao envasado. Nel elabóranse gran parte dos seus produtos cárnicos. En concreto, as instalacións teñen unha capacidade produtiva de 5.000 toneladas anuais, algo que lles permite “atender tanto ao mercado nacional como ao internacional”.
A compañía conta tamén cun secadoiro en O Corgo, inaugurado en 2012 e ampliado en 2019. Esta planta ocupa unha superficie de 14.000 metros cadrados destinados ao salgamento, post-salgamento, curado e envasado de xamón.
Esta planta inclúe tamén unha adega natural de curación, “deseñada para respectar os tempos e condicións que esixe un xamón serrano de alta calidade”. A súa capacidade produtiva alcanza as 600.000 unidades ao ano, “o que converte O Corgo nun dos centros de referencia para a elaboración de xamón no noroeste de España”, destacan desde Torre de Núñez.
A este secadoiro súmase a planta de loncheado, tamén en O Corgo. Inaugurada en 2016, esta factoría ocupa unha superficie de 2.500 metros cadrados e ten unha capacidade produtiva de entre 7 e 8 millóns de unidades ao ano. “Esta instalación permítenos ofrecer xamón, lombo, chourizo e outros embutidos en formatos listos para consumir, mantendo intactas as súas propiedades de sabor, textura e frescura”.