Vídeo: a conselleira do Medio Rural analiza os retos do sector agrogandeiro e forestal
María José Gómez reflexionou sobre o peso da empresa láctea galega, "referente para España e para Europa" no rural galego, aínda que destacou que existe espazo no territorio para atraer outras industrias co obxectivo de xerar emprego, riqueza e "reverter a despoboación".
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, durante a súa intervención no III foro Os retos da Galicia rural / Pablo Ares Heres
“A industria láctea soubo ver en Galicia ese territorio polo que apostar”. Son palabras da conselleira do Medio Rural, María José Gómez, que o pasado 27 de novembro participou en Santiago de Compostela na terceira edición do foro Os retos da Galicia Rural. Un encontro organizado por Economía Digital Galicia que repasou os retos e oportunidades que se presentan para sectores como o agrogandeiro ou o forestal.
En unha entrevista con Julián Rodríguez, o director de Economía Digital Galicia, Gómez puxo en valor a aportación do sector lácteo no territorio galego. «Evidentemente en algunhas zonas o lácteo é o que Inditex a A Coruña ou Stellantis a Vigo», apuntou.
«Somos referente para o mundo co lácteo. É algo digno de estudo. A pesar deses prezos sempre máis baixos respecto á media de España», destacou a conselleira, que quixo colocar ao sector como referente en materias de competitividade e profesionalización. «As granxas que temos son cada vez máis profesionais e tecnificadas», dixo. A entrevista completa á conselleira do Medio Rural pode verse no canal de YouTube de Economía Digital.
Ao longo da entrevista, a titular do Medio Rural rexeitou debates que confronten os sectores gandeiro ou agrario co forestal, indicando que todos son compatibles no territorio. “Son perfectamente complementarios. Galicia é diversa e non hai nada excluínte”, opinou.
Ao longo da entrevista, Gómez tamén quixo romper tópicos como a imaxe dun sector que non se modernizou. “Gústame falar dun rural moderno, con explotacións moi actualizadas. Como xa sabedes, Galicia é líder indiscutible en produción láctea dentro do país, pero tamén é punteira en produción cárnica e da horta ou incluso doutras actividades como pode ser a flor”, expuxo. “Esa é a visión que temos que dar do rural galego. É un rural no que se traballa, con unhas condicións de vida cada vez mellores, máis modernas. O rural galego aposta pola tecnificación en todos os sectores, como é o caso do sector forestal, que nada ten que ver coa que tiñamos hai vinte anos, dos rematantes aos primeiros operadores”, apuntou.
Sobre o futuro do rural, máis alá dos sectores tradicionais, a conselleira insistiu en que é preciso reverter a despoboación, o que só se conseguirá con “un rural atractivo que xere negocio e postos de traballo”. “Estamos nun momento dunha política moi polarizada e creo que iso é prexudicial para Galicia. Contamos cunha lexislación que controla e garante que calquera industria que se implante, alí onde o faga, teña que cumprir uns requisitos. Para iso exactamente está a lexislación e creo que se queremos reverter que o rural siga sendo abandonado, temos que apostar porque haxa industria e haxa traballo que non sexa só do sector primario. No interior de Galicia caben moitas cousas, sempre e cando cumpran coa lexislación. Hai que apostar pola industria, polo negocio e polo traballo, máis alá da política”, reflexionou.
A súa xuízo, a atracción de actividades económicas garante o coidado do entorno e frea o éxodo de poboación cara a unhas cidades que «cada vez máis son grandes e cada vez contan con menos contacto co rural».
A terceira edición do foro Os retos da Galicia rural, organizado por Economía Digital Galicia, contou co apoio da Consellería do Medio Rural, de Telefónica e de Caixabank.