A CIG alerta do colapso de Correos na Coruña: “Miles de cartas e notificacións administrativas acumúlanse”
O sindicato asegura que a falta de novas contratacións atascou distintas unidades de reparto da cidade herculina.
A CIG denuncia a acumulación de cartas sen repartir en distintas áreas de reparto da Coruña por falta de persoal. Foto: CIG
A sección sindical da CIG en Correos alerta da “grave situación que está a atravesar o servizo postal na cidade da A Coruña”. Asegura que a falta de persoal “está provocando un colapso xeneralizado no reparto tanto de correspondencia ordinaria como de notificacións administrativas. “A política de contratación cero que aplica a empresa pública está deixando as unidades de reparto baixo mínimos, deteriorando de maneira alarmante a calidade dun servizo público esencial”, expoñen.
Asegura que un dos casos máis preocupantes é o da Unidade de Reparto situada na zona da Mariña. Nesa zona asegura que “de un cadro de persoal composto por 39 traballadores, a día de hoxe só están operativas 20 persoas, o que supón que se traballa con apenas o 50% do emprego necesario”. A situación, denuncian, “non é puntual, senón que é consecuencia dunha perda continuada de efectivos ao longo dos anos por xubilacións que non son substituídas”.
CIG-Correos indica que, na actualidade, hai “once postos estruturais sen cubrir, aos que se suman oito traballadores que se atopan de baixa médica ou con permisos de vacacións”.
Preto de 25.000 cartas sen repartir
En medio desta situación, o sindicato indica que só nesta unidade de reparto “hai preto de 11.000 cartas sen repartir e máis de 3.000 notificacións administrativas pendentes de distribución”. “Afecta directamente á cidadanía, que non está a recibir comunicacións oficiais en prazo, con todo o que iso pode supoñer a nivel administrativo e legal”, resolven.
A outra zona quente na cidade está, sempre segundo a denuncia da CIG, na unidade de reparto da rúa Entrepeñas. Aquí acumúlanse “14.000 envíos ordinarios sen repartir e arredor de 2.500 notificacións administrativas pendentes”. “A falta de contratación para cubrir ausencias, baixas médicas ou vacacións fai imposible asumir a carga de traballo real, xerando atrasos sistemáticos”, din.
A CIG pide, ante esta situación, “a contratación urxente de persoal para cubrir todas as ausencias e os postos estruturais vacantes” así como un reforzo en toda a cidade herculina.