Aranceis, cambios na demanda e normativa medioambiental, os principais desafíos do viño galego
Unha trintena de expertos, empresarios, investigadores universitarios, representantes de denominacións de orixe e funcionarios participaron no encontro organizado polo Foro Económico de Galicia e Bodegas Terras Gauda no que se destacou ao sector vitivinícola galego como un "caso de éxito" no ámbito rural.

Foto de familia de la primera edición del Foro Rural Terras Gauda
O acceso aos mercados internacionais, condicionado polas políticas arancelarias, os cambios nos hábitos e preferencias de consumo dos usuarios ou a “cada vez máis esixente” normativa medioambiental, son tres dos principais retos que afronta actualmente o sector vitivinícola galego.
Así o identificaron os expertos que participaron este venres no Foro Rural Terras Gauda en O Rosal, organizado pola Adega Terras Gauda e o Fondo Económico de Galicia, onde tamén se señalou ao cambio climático e como os seus efectos incidem de forma directa no cultivo da videira.
O Foro Económico de Galicia destacou ao sector vitivinícola galego como un “caso de éxito” no ámbito rural. “Nos últimos 40 anos, desde a entrada de España na Unión Europea, experimentou unha profunda transformación: especializouse en viños de gama media-alta, desenvolveu un sólido tecido industrial e alcanzou unha alta capacidade exportadora”.
Aínda que o balance polo momento é “claramente positivo”, o presente e o futuro do sector están marcados por importantes retos. O primeiro deles é a dificultade para expandirse a novos mercados internacionais, algo ao que contribúen as políticas arancelarias. A iso hai que sumar a adaptación que tivo que facer o sector para dar resposta aos cambios na demanda tras a pandemia, marcada por un maior interese polos viños de baixa graduación, ou o cumprimento da lexislación medioambiental, que desde o Foro cualifican como “cada vez máis esixente”.
Primeira edición
Unha trintena de expertos, empresarios, investigadores universitarios, representantes de denominacións de orixe e funcionarios participaron nas cinco sesións desta primeira edición do Foro Rural Terras Gauda na que se abordaron os principais factores que determinan a situación actual e as perspectivas dos viños galegos.
O evento foi inaugurado por Víctor Nogueira, presidente do Foro Económico Galego; Santiago Lago, director do Foro; e Antón Fonseca, CEO do Grupo Terras Gauda. Na súa intervención, Nogueira indicou que o obxectivo do Foro é “xerar un debate de calidade e trasladar conclusións e propostas a toda a sociedade”.
Por outra banda, Santiago Lago afirmou que o viño “é a xoia da coroa do mundo rural, un exemplo de como facer as cousas, pero precisamos reflexionar sobre como asegurar que o sector siga xerando valor”. Antón Fonseca cualificouno como “un luxo poder reunir a tantas mentes pensantes” ao tempo que destacou que o viño en Galicia é “un motor”.
Principais conclusións
A primeira das sesións centrouse no descenso da produción do viño e a caída do consumo, marcada polos cambios nos hábitos de consumo. Fernando González Laxe –un dos coordinadores do Foro xunto a Edelmiro López e Alfonso Ribas– destacou a gran capacidade exportadora de Galicia como un dos principais elementos positivos. Pola súa banda, Andrés Mazaira subliñou os desafíos que supoñen tamén o pequeno tamaño da maioría das adegas así como a forte competencia nos prezos.
Sobre a situación e as perspectivas das cinco Denominacións de Orixe (DO) galegas falouse na segunda das mesas nas que se reivindicou o seu papel chave na estructuración e o dinamismo do sector. Ricardo Rivas Barros (AGACAL), Jorge Vila (Academia do Viño de Galicia) e Ramón Huidobro Vega (C.R.D.O. Rías Baixas) analizaron a súa evolución.
Rivas apuntou que «ningún outro sector rural logrou avances tan significativos como o vitivinícola», situando a Galicia no terceiro posto en volume de DO do Estado. Pola súa parte, Huidobro sinalou o labor do Consello Regulador de Rías Baixas, a DO con maior estrutura empresarial de Galicia e con maior peso económico.
A terceira sesión centrouse na xestión do territorio e a prevención do abandono. En unha mesa moderada por Edelmiro López Iglesias (USC) abordouse a problemática do abandono de terras, especialmente relevante na DO Ribeiro.
Tamén participaron Andrés Rodríguez Gómez (Viña Costeira) e Carlos Díaz Redondo (AGADER), que coincidiron en destacar o papel do viñedo non só na xeración de ingresos, senón tamén na xestión sostible do territorio nas zonas rurais. Así, por exemplo, mencionaron o carácter de cortalumes naturais dos viñedos e a súa eficacia na prevención de incendios.
Sobre o cambio climático e a sostibilidade ambiental debatouse na cuarta das mesas, moderada por Alfonso Ribas Álvarez (Fundación Juana de Vega), e na que participaron José Ramón Lissarrague (UPM) e Isaac Rodríguez Pereiro (USC). Os expertos lembraron os retos derivados do cambio climático, ademais das novas vías para unha viticultura máis sostible, con menos insumos químicos, maior coidado do solo e un posicionamento diferencial nos mercados.
Por último, analizouse a evolución recente e o potencial do enoturismo como fonte adicional de emprego e ingresos para as adegas e para as rexións vitivinícolas galegas no seu conxunto, nunha sesión moderada por Carla Reyes, na que participaron Lorena Varela (Ruta do Viño Rías Baixas) e Iván Gómez .