Feijóo: “Non se pode gobernar a España do 2026 con uns orzamentos para saír da pandemia”

O expresidente da Xunta e líder do Partido Popular criticou a "parálise orzamentaria" que vive o país e sostén que "xamais en case 50 anos de democracia, un presidente do Goberno foi capaz de non aprobar o orzamento e non convocar eleccións"

Alberto Núñez Feijóo durante su ponencia en la séptima edición del Foro La Toja - Vínculo Atlántico

Alberto Núñez Feijóo durante su ponencia en la séptima edición del Foro La Toja – Vínculo Atlántico

O líder do Partido Popular, Alberto Núñez Feijóo, criticou este venres na segunda xornada da sétima edición do Foro La Toja – Vínculo Atlántico a “parálise orzamentaria” que vive o país. “Non se pode gobernar a España do ano 2026 con uns orzamentos que estaban deseñados para saír da pandemia”, apuntou o tamén expresidente da Xunta quen recalcou que “xamais en case 50 anos de democracia, un presidente do Goberno foi capaz de non aprobar o orzamento e non convocar eleccións”.

Durante a súa ponencia nas xornadas, que se celebran ata este sábado en Illa da Toxa (O Grove) apuntou que mentres o mundo fala dunha nova orde, “en España nin sequera somos capaces de ordenar as contas”. O resultado disto, sumado a outras “anomalías” como a “colonización das institucións” realizada polo Executivo de Pedro Sánchez, é o “deterioro paulatino e evidente”.

“O deterioro das institucións, dos servizos públicos, da calidade de vida, da imaxe do país, das perspectivas do futuro e tamén o deterioro da convivencia”. Precisamente na “tensión social” quixo facer un especial fincapé o xefe de filas dos populares que sinalou que non se trata de “unha consecuencia colateral” senón dunha “estratexia deliberada”.

“Insisto, a tensión social en España é unha estratexia deliberada do Goberno de España. Cando non hai resultados que exhibir, recórrese ao frentismo. Cando non hai metas para unir, fabricanse muros para dividir. Cando non hai logros, invéntanse inimigos. É máis sinxelo cavar trincheiras que tender pontes. É máis cómodo apelar ao odio que á esperanza. Por iso fórzase á sociedade a que viva instalada na polarización. Ese clima dana, e dana moito máis do que imaxinamos. Dana ao país no máis profundo. A convivencia resíntese, porque a confianza mutua eródese, e porque a política negra deixa de ser un espazo de solución para converterse nun espazo de agitación”.

A tarefa da política

Núñez Feijóo reivindicou que a tarefa da política hoxe en día, “polo menos a miña tarefa”, é a da “reconciliación”. Tal e como apuntou, en España perdeuse “ese denominador común que permite falar da existencia dunha comunidade” que non só afecta aos españois senón tamén a moitas nacións de Europa.

“É difícil reforzar a unidade europea mentres está pendente a unidade dos estados que a integran. Por iso falo de reparación, porque España necesita cambiar. España non necesita máis tensión, necesita máis cordura. Non necesita máis división, necesita que todos nos recoñezamos como compatriotas, coas nosas diferencias, por suposto, pero tamén co moito que temos en común”.

Tamén subliñou que para el reparar España significa que “os principios prevalezan sobre a falta de integridade, que a limpeza prevaleza sobre a corrupción ou a igualdade sobre o privilexio, que a sensatez prevaleza sobre o sinsentido e que o servizo o faga sobre o interese persoal”.

As propostas do PP

Feijóo defendeu as propostas que fai o seu partido desde que se puxo á fronte en abril do 2022. “A primeira proposta que fixen ante a inflación galopante que había naquel momento foi unha actualización da tarifa da renda e un axuste no IVA, porque a recadación era fantástica para o Goberno, que pagaban as rendas baixas. Un 22% de incremento do IPC, un 39% de incremento dos alimentos, sen ter deflactado a tarifa do IRPF, é un negocio para o goberno que pagan os traballadores”.

“Un incremento do salario mínimo interprofesional e que por primeira vez ese salario tribute en renda tamén é un negocio para o Estado que pagan as empresas e os traballadores.”

O líder popular quixo desmarcarse de “esa idea” de que o seu partido “non propón”. “Non coñezo ningún partido na oposición que presentase tantas propostas como o Partido Popular nos últimos tres anos.

Máis propostas

No seu discurso Feijóo tamén se referiu á migración e ao “fracaso” da política migratoria de España. “Se cremos que un dos problemas da política migratoria é o fraude nas idades, de quen de maneira ilegal entra en España, debemos perseguir ese fraude para que os menores non convivan cos adultos. E se non se determina rápido a idade desa persoa e convive con menores durante meses, é evidente que o sistema falla e quen queda desprotexido son eses menores que o Goberno di querer protexer”.

Neste sentido explicou que o plan de migración do PP “fixará un máximo de tempo para comprobar a idade e evitar solucións de desprotección”. Para iso, o seu obxectivo é modificar dúas leis. Por un lado a lei de extranxeiría, “para expulsar a calquera estranxeiro que se declarase menor de idade sendo maior”, e por outro o Código Penal, para “incluir a tipificación do fraude da idade ou da nacionalidade do inmigrante”.

Núñez Feijóo tamén fixo mención aos “retos” aos que se enfronta España e sinalou que estes “non poden reducirse a que un Goberno aguante”. “O reto é construír unha España que funcione, unha España que confíe en si mesma e unha España que se recoñeza”.

Historias como esta, en su bandeja de entrada cada mañana.

O apúntese a nuestro  canal de Whatsapp

Deixa unha resposta