Antonio Abril, sobre Amancio Ortega e Inditex: “É unha combinación de emprendemento carismático e xestión do talento”
Antonio Abril Abadín / Fundación CyD
A principios de 2021 Inditex despedía a un dos seus históricos directivos. Antonio Abril Abadín, que ata entón ocupaba o cargo de secretario xeral e do consello de administración, despedíase da multinacional con sede en Arteixo na que aterrou a finais dos 80. Abril Abadín, que en marzo deixou a presidencia da Conferencia de Consellos Sociais das Universidades Españolas, lembra o seu paso polo xigante téxtil, que define como “unha combinación incrible de emprendemento carismático e xestión do talento”.
Nunha entrevista para La Nueva España, Abril sinala que mantén contacto co fundador de Inditex, “procurando non molestalo”, ao igual que con moitos compañeiros que aínda continúan na empresa. “Para un funcionario “xenético” como eu, ter sido durante 32 anos humilde protagonista e espectador privilexiado da maior experiencia empresarial da historia de España, con tantos momentos irrepetibles, foi marabilloso”.
O exdirectivo sinala que a “principal ensinanza” que extraeu do seu paso polo xigante téxtil, “e que tratei de trasladar ao sistema educativo, porque vale para calquera iniciativa humana, empresarial ou doutro tipo”, é que “se achegas mérito, é dicir, traballo, esforzo e sacrificio, e sabes sacar partido do talento das persoas que te rodean, precisamente porque o mundo actual é global e competitivo e por iso xusto, vas triunfar”.
Traxectoria de Antonio Abril
Natural de Viveiro aínda que criado en Oviedo, aparcou a carreira de funcionario á que apuntaba a súa formación e a tradición familiar. Licenciado en Dereito e funcionario de oposición no corpo de Avogados do Estado, tiña destino en Lugo cando iniciou a súa carreira en Inditex.
Antonio Abril estaba considerado entre os executivos históricos e máis próximos á familia Ortega xunto a José Arnau, quen fora vicepresidente do grupo téxtil e máximo responsable de Pontegadea.
Ademais de secretario xeral e do consello de administración de Inditex, Antonio Abril tamén asumiu hai uns anos o posto de director de cumprimento normativo do xigante téxtil. Desde agosto de 2008 preside o Consello Social da Universidade da Coruña. Nove anos máis tarde puxo ao fronte da Conferencia de Consellos Sociais das universidades españolas, cargo que ocupou ata o pasado marzo cando foi relevado pola tamén asturiana Ángela Santianes, primeira muller en poñerse ao fronte da organización.