Navantia investiu xa 114 millóns para reflotar o estaleiro do Titanic, un 23% máis do previsto
O grupo público prevé destinar 181 millóns para modernizar os catro centros británicos que incorporou coa compra de Harland&Wolff, o dobre do comprometido para desenvolver o contrato dos buques para a Royal Navy.
A primeira estrutura industrial armada por Navantia en augas internacionais requerirá dunha inversión próxima aos 300 millóns e está a construírse sobre o esqueleto de Harland&Wolf, os estaleiros que ensamblaron o cinematográfico Titanic e que o grupo público rescatou da quebra. A construtora naval controlada pola Sepi, espoleada na súa actividade polo extraordinario aumento do gasto público en defensa, investirá bastante máis do previsto nas súas instalacións británicas ou, cando menos, máis dos compromisos que adquiriu para quedar con Harland&Wolf e desenvolver o programa FSS de buques de apoio loxístico para a Royal Navy, valorado en 1.600 millóns de libras, uns 1.850 millóns de euros.
Este contrato viu comprometido cando os estaleiros con base en Belfast descarrilaron e entraron en concurso, o que provocou que o seu socio na licitación, Navantia, decidise compralos e salvar a adxudicación, na que tamén está, como terceiro membro da alianza, BMT. A operación pechouse por 93 millóns de libras, uns 108 millóns de euros, máis o compromiso do grupo español de destinar outros 89 millóns a reforzar a infraestrutura de construción naval en Irlanda do Norte.
Estes fondos formaban parte das condicións coas que o consorcio levou o contrato dos tres buques de apoio loxístico. Pero serán máis. De feito, xa o son. Navantia informou o pasado xoves, tras unha visita da viceministra principal de Irlanda do Norte, Emma Little Pengelly, aos estaleiros de Belfast, que a inversión no centro que construíu o Titanic alcanzou os 98,5 millóns de libras, uns 114 millóns de euros, é dicir, un 23% máis do prometido.
A previsión da compañía é chegar aínda un pouco máis lonxe. As instalacións de Belfast e as de Appledore, onde se desenvolverán traballos do programa FSS, recibirán unha inxección de 132 millóns, é dicir, 43 millóns máis do esixido no contrato dos tres buques de apoio loxístico da Armada británica.
A eólica mariña e a “autonomía estratéxica”
O grupo naval público, ademais, está mobilizando fondos cara aos outros centros que incorporou coa compra de Harland&Wolf, os de Arnish e Methil, en Escocia, enfocados á produción de estruturas e compoñentes de eólica mariña. Sumadas ás anteriores, as inversións alcanzarán, di Navantia, os 157 millóns de libras, ao cambio, 181 millóns de euros. Se temos en conta os 108 millóns que custou o decaído grupo construtor do Titanic, a dixestión de Harland&Wolf custará uns 290 millóns de euros.
En marzo, a compañía que dirixe Ricardo Domínguez anunciou unha inxección de case seis millóns de euros para modernizar e aumentar a capacidade do estaleiro de Arnish co apoio dunha axencia de desenvolvemento do goberno de Escocia, Highlands and Islands Enterprise (HIE), que aprobou unha axuda de 2,3 millóns para contribuír ao proxecto. O obxectivo é que os estaleiros británicos de Navantia reforcen as capacidades tanto en eólica mariña,