Navieira de Galicia cambia de rumbo: negocia con estaleiros e armadores a ampliación da súa flota
O grupo de Darío Amor asegura que mantén negociacións con estaleiros tanto españois como estranxeiros para modernizar a súa frota sen descartar "recurrir a adquirir buques de segunda man”, tras pechar 2024 cunha caída de ingresos do 23% e descender o seu beneficio neto á terceira parte.

Imagen de archivo de uno de los buques de la flota de Navigasa
Navieira de Galicia (Navigasa), con accionistas galegos e base de operacións na Coruña pero buques abandeirados en Madeira desde hai uns anos, busca ser de novo un referente no mar. Para iso, cambia o rumbo e negocia actualmente con estaleiros e armadores tanto a construción como compra de buques mercantes para ampliar a súa frota. As dúas opcións son válidas para o grupo. Así o recoñece a compañía de Darío Amor na súa memoria correspondente a 2024, exercicio no que viu caer tanto vendas como beneficios.
A compañía admite a caída do negocio e achega as razóns. “Durante 2024, produciuse un descenso considerable da cifra de negocios respecto ao ano pasado, en concreto dun 23,1%. Esta caída explícase pola venda, a mediados do exercicio, do buque Finita R”. O resultado neto de Navieira de Galicia o exercicio pasado caeu á terceira parte, practicamente dous millóns de euros, fronte aos 6 millóns que asinara un ano antes.
Caída de resultados
“A diminución do resultado do exercicio”, sinala a compañía, “é consecuencia de dous factores. Por unha banda, a venda do buque Finita R e, por outra, a diferencia polos resultados en enaxenacións de inmobilizado, xa que no exercicio 2023 venderon os buques Manuela E e Roibeira”.
O fondo de manobra de Navigasa permite mirar o futuro con optimismo: ascendía a 11,6 millóns de euros en decembro do ano pasado, incrementándose respecto ao exercicio anterior en 2,7 millóns. “A sociedade, por tanto, conta con unha boa situación patrimonial e un fondo de manobra suficiente como para prever que non terá problemas de liquidez a curto prazo”, asegura a compañía.
As negociacións
Tanto é así que o grupo de Darío Amor “na actualidade mantén contactos con diversos estaleiros, tanto nacionais como estranxeiros, para avaliar a posibilidade de construír novos buques que substitúan aos vendidos nos exercicios 2023 e 2024, modernizando desta forma a frota existente”. “Tampouco se descarta a posibilidade de recorrer a adquirir buques de segunda man que cumpran coas características técnicas, económicas e comerciais esixidas pola navieira”, din.
Entre as previsións de Navigasa, os administradores esperan pechar o exercicio 2025 cunha cifra de negocio próxima aos 8 millóns de euros e un beneficio neto de 0,5 millóns de euros, sen resultados extraordinarios. Na súa memoria de 2024, nos feitos posteriores ao peche do exercicio, volven insistir en que “si que se están estudando novas posibilidades de negocio que poden mellorar considerablemente os resultados previstos nos orzamentos aprobados polo consello”.
A frota de Darío Amor
A decembro de 2024 Navigasa dispuña de dous buques en propiedade: Herbeira e Roibeira, un menos que en 2023, xa que durante o ano pasado enaxenou o Finita R. O beneficio obtido por esta operación situouse en 1,5 millóns de euros. Un ano antes, en 2023, asinara a venda dos buques Manuela E. e Sonreiras. O beneficio obtido por esta operación ascendeu a 4,8 millóns.
O groso dos ingresos de Navigasa procedía o ano pasado do arrendamento en modalidade de time charter (flete por un tempo definido) dos dous buques da súa frota, xerando uns ingresos de 5,1 millóns de euros na conta de perdas e ganancias.