Nova Pescanova acerta co rumbo: reduce perdas nun 65% ata xuño e prevé pechar o ano con beneficios
O grupo pesqueiro pecha o primeiro semestre do ano con vendas de 491 millóns, case un 8% máis, e cun ebitda que se disparou un 73% ata os 27 millóns

Sede de Nueva Pescanova en Chapela
Nova Pescanova, o grupo pesqueiro en mans de Abanca, acerta co seu cambio de rumbo. Tras pechar o exercicio pasado cun importante recorte de perdas e coa mirada posta en alcanzar a rentabilidade, a compañía deu a coñecer os resultados correspondentes ao seu primeiro semestre fiscal, de xaneiro a xuño. A compañía con sede en Chapela recorta as súas perdas netas nun 65% e insiste en que pechará o ano 2025 en negro.
A compañía indica nun comunicado remitido a medios que no citado período o ebitda da compañía, o seu resultado antes de impostos, intereses, depreciacións e amortizacións, fixouse nos 27 millóns de euros, un 73% máis respecto ao mesmo período do ano anterior. Ao mesmo tempo, as perdas netas reducíronse un 65%, quedando cun saldo negativo de 22 millóns de euros.
“Consolidar a mellora nos próximos meses”
As vendas no período tamén se incrementaron un 7,9% ata os 490,9 millóns. “A mellora dos resultados corresponde fundamentalmente ás medidas de eficiencia operativa, orientadas ao aumento da rentabilidade de todas as operacións e á contención de gastos, así como á renovación da estratexia comercial para priorizar as operacións de maior valor”, expoñen os administradores da compañía.
Os mesmos aseguran que os resultados semestrais están en liña das súas previsións, polo que mantén que poderían pechar o ano xa en negro. “A compañía segue cumprindo metas e avanzando en recuperación, mantendo a estratexia para alcanzar unha maior solidez financeira e consolidar a mellora nos próximos meses”, indican.