O ‘holding’ de Carmen Lence, de Leche Río ás gasolineiras, factura case 310 millóns e dispara beneficios un 70%
O grupo Lence Torres, presidido pola empresaria lucense, pechou 2024 con uns beneficios consolidados de 17,8 millóns, un 71% máis nun só exercicio.
Carmen Lence, consejera delegada del Grupo Lence
Máis alá de Leche Río, a súa particular xoia da coroa, o grupo Lence Torres, holding familiar da empresaria Carmen Lence, suma negocios que van dende as estacións de servizo á restauración. Co gran impulso da súa división láctea, o pasado foi un ano, a sociedade de investimento rexistrou unha cifra de negocio consolidada de 309,9 millóns de euros, un 8% máis, e un beneficio neto de 17,8 millóns, un 71% por riba dos 10,4 millóns anotados o exercicio precedente.
Así o indican as contas consolidadas de Lence Torres recentemente remitidas ao Rexistro Mercantil e consultadas por Economía Dixital Galicia. Nas mesmas especificase que o grupo pechou o exercicio con uns activos de 157,6 millóns de euros e cun resultado de explotación, o propio da súa actividade, que se incrementou dos 13,6 aos 22,8 millóns de euros, un 67% máis.
Ademais do aumento de vendas, as contas consolidadas da compañía Lence Torres, presidida por Carmen Lence, anotan no seu balance uns ingresos financeiros procedentes das súas participadas que se incrementaron o pasado exercicio dos 537.000 aos 1,43 millóns.
Novos proxectos de interese
No seu informe de xestión, os administradores da compañía sacan peito da súa “solvencia patrimonial”. “O grupo de empresas que encabeza Lence Torres está preparado económica e patrimonialmente xa non só para continuar coa xestión e crecemento das súas participadas senón e ademais para abordar novos proxectos que se puidesen considerar de interese”, expoñen.
E, ¿cais son estas participadas? Carmen Lence exerce como administradora única de Lence Torres, a sociedade cabeza do grupo familiar, da que colga a principal actividade da compañía, a ligada ao lácteo, Grupo Leche Río, ademais de Complejo San Cristobal SL, dedicado ás gasolineiras e á xestión de inmobles; Albura Lugo Hostelería, de actividades de hostalería e restauración, e Transleche, a compañía que se encarga “da recollida diaria en orixe do leite dos máis de 300 millóns de litros comercializados cada ano”. “A rede de transporte comprende 32 vehículos para a recollida e distribución do produto final”, explican.
Con gasolineiras nas provincias da Coruña e Lugo, os administradores do grupo explican que contan con distintos establecementos hostaleiros ademais do Hotel e do Apartahotel Forum Ceao, a cinco minutos da capital lucense.
En conxunto, o pasado exercicio, a plantilla do grupo Lence Torres alcanzou as 412 persoas, traballando a maioría, case 280, para o negocio de Leche Río, ademais de 41 para Transleche.
O pasado exercicio, todas as sociedades dependentes do grupo finalizaron en positivo. Segundo as contas consolidadas de Lence Torres, o Grupo Leche Río pechou 2024 con un beneficio de case 17 millóns de euros mentres que a sociedade Lence Torres anotou 1,7 millóns, Complejo San Cristóbal preto de 500.000 euros; Albura Lugo Hostelería 222.000 euros e Transleche 130.000 euros.
O proxecto que non foi
Do grupo Lence Torres tamén colga, aínda que de forma indirecta, a sociedade Lugaz Bionerxía, da que retén un 60%. Trátase do vehículo a través do que o grupo pretendía poñer en marcha xunto con Norvento, Agroamb e Medrar Smart Solutions unha planta de biogás en Lugo que, finalmente, non sairá adiante, tras a renuncia dos promotores pola contestación social que estaba levantando o proxecto. Esta planta de biogás con capacidade para procesar até 55.000 toneladas anuais de puríns ubicaríase nunha parcela anexa á planta láctea do Grupo Lence en O Ceao.
Grupo de carácter familiar, o 77,75% do capital de Lence Torres está en mans de Carmen Lence, mentres que o seu irmán Luis Jesús retiña un 22,25% da compañía a finais do exercicio pasado.
De consello a administradora única
Segundo a información consultada por este medio, ata maio deste ano, Lence Torres contaba cun consello de administración no que ademais de Carmen tamén se atopaba Jesús Lence Ferreiro, o seu irmán, e o seu histórico número dous no negocio lácteo, Jesús García Fernández, que acaba de deixar o grupo tras 20 anos ligado ao mesmo e pasará a integrarse na cúpula de Leche Celta.
Carmen Lence recibiría o pasado ano unha retribución bruta de pouco máis de 400.000 euros de Lence Torres, fronte aos 36.000 euros, cada un, de Luis Jesús Lence e de Jesús García Fernández polo desempeño dos seus postos directivos.