Os sindicatos de Navantia piden ao Goberno que blinde o estaleiro de Fene e reclaman máis investimentos
Os representantes dos traballadores reuníronse este martes co delegado do Goberno en Galicia e reclamaron a posta en marcha de investimentos estratéxicos como os diques de nova construción.
Imaxe de arquivo da entrada a Navantia-Ferrol
Os sindicatos de Navantia Ferrol poñen deberes ao Goberno. Os representantes dos traballadores reuníronse este martes co delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, para trasladarlle as súas principais reivindicacións de cara ao plan de empresa, esixindo un “diálogo real” e unha negociación “exhaustiva”.
Segundo a axencia Europa Press, os portavoces da plantilla denunciaron durante o encontro que a dirección da compañía presentou o plan “de maneira moi superficial” e sen “vontade de diálogo”, pretendendo impor un “plan operativo indefinido a catro anos” con información “ambigua” e sen detallar investimentos nin cuestións esenciais como a estrutura e estabilidade do emprego.
É por iso que os traballadores puxeron sobre a mesa a necesidade de garantir investimentos estratéxicos reclamados durante décadas, como os diques de nova construción e de carenas, e advertiron sobre a falta de expectativas industriais para o estaleiro de Fene, que segue sen produto propio nin incorporacións de persoal que aseguren a súa viabilidade, segundo subliñan. Tamén criticaron a ausencia de proxectos para diversificar a actividade e a “incerteza” na área de Turbinas.
A voltas coas subcontratas
En paralelo, os representantes dos traballadores tamén amosaron a súa preocupación pola “sobrerrepresentación e dependencia excesiva da subcontratación” nos estaleiros de Fene e Ferrol, e defenderon a necesidade de recuperar o coñecemento técnico propio para non depender da industria auxiliar. “Debemos recuperar a capacidade de construír partes do barco por nós mesmos”, sinalaron.
Outro dos puntos de conflito é o “incumprimento” do artigo sobre o contrato de relevo no convenio da empresa naval pública. Segundo denunciaron, a pesar de ter sido ratificado, a dirección non está permitindo a súa aplicación ao non ofrecer o emprego necesario, o que impide tanto o relevo xeracional como a incorporación de novo talento.
Os representantes da plantilla valoraron a “resposta áxil e receptiva” do delegado do Goberno, ao que fixeron fincapé na oportunidade de consolidar o futuro industrial, económico e social da comarca de Ferrol durante décadas. Ademais, anunciaran que solicitaron reunións coa Xunta de Galicia e a Mancomunidade para seguir reclamando respaldo institucional a unhas reivindicacións que, aseguran, levan demasiado tempo sen atenderse.