Qube, a última gran aposta loxística de Amancio Ortega, prevé un “sólido” incremento dos seus beneficios este ano
Roberto Cibeira, CEO de Pontegadea, e Amancio Ortega, fundador de Inditex. Fotos: Repsol e Axencia EFE
Pontegadea, o holding inversor de Amancio Ortega, segue a diversificar a súa carteira máis alá da inversión inmobiliaria, que acomete cos xenerosos dividendos que, cada ano, percibe en base á súa participación de máis do 59% en Inditex. A última operación de calado anunciouse pero tardará aínda meses en materializarse e supón o desembarco nun negocio en Australia. É de Qube, que se autodenomina como o maior provedor australiano de servizos loxísticos integrados de importación e exportación. En alianza con Macquarie e UniSuper, o grupo pilotado por Roberto Cibeira presentou unha oferta vinculante que valora o 100% da compañía en preto de 7.000 millóns de euros ao cambio. A cotizada leva encadeando varios anos de forte crecemento en cifra de negocio, debido á súa expansión orgánica e inorgánica. Días despois de trascender a operación, presentou os resultados correspondentes ao seu primeiro semestre fiscal. Os seus administradores indican que esperan “un sólido” crecemento en beneficios para este ano, que podería rematar co grupo do fundador de Zara xa no seu capital.
O pasado 16 de febreiro, Qube anunciou a aprobación dunha oferta vinculante para ser adquirido por un consorcio liderado polo fondo Macquarie como primeiro accionista, pero no que tamén se atopan como socios destacados Pontegadea e UniSuper, que non serían maioritarios pero colocaríanse como accionistas significativos. Así é como adoitan investir os de Roberto Cibeira nas súas grandes operacións ao marxe do ladrillo: investimentos seguros máis alá dos retornos, que xeren un fluxo de caixa constante e nos que non teñan unha posición maioritaria (é o caso por exemplo de PD Ports, onde retén o 49% do capital, o mesmo que nos negocios enerxéticos que comparte con Repsol ou coa francesa EDF, ademais do seu 30% en Telxius, a firma de cable submarino de Telefónica).
O negocio que agora pretende Pontegadea é similar ao de PD Ports, compañía de xestión portuaria e loxística na que desembarcou o verán pasado tras comprar unha participación ao fondo canadense Brookfield Asset Management.
Loxística e portos
Qube é un operador de servizos loxísticos, o principal de Australia, e divide o seu negocio fundamentalmente na área de loxística e infraestruturas e na de portos, onde conta coa metade de Patrick Terminals, un dos principais operadores de terminais de contedores no país.
Unicamente uns días despois de anunciarse a operación (na que aínda quedan moitas incógnitas, como a participación final dos socios do consorcio oferente), Qube presentou os resultados correspondentes ao primeiro semestre do seu ano fiscal.
Os seus administradores anunciaran que mantiñan “un crecemento continuo”, cun aumento de ingresos de case un 13%, ata os 2.360 millóns de dólares australianos, uns 1.423 millóns de euros ao cambio. O beneficio neto axustado incrementouse un 10%, ata os 157,5 millóns de dólares australianos, arredor de 95 millóns de euros, unhas ganancias que chegaron aos 225 millóns de dólares, 136 millóns de euros, neste caso un 98% máis que o mesmo período do exercicio anterior, se se teñen en conta operacións extraordinarias, en concreto, a venda da participación da compañía nun terreo en Victoria.
Crecemento inorgánico e investimento
O seu director xeral, Paul Digney, indicou que o crecemento subxacente dos ingresos do grupo tiña que ver, ademais do avance do negocio, polas adquisicións recentes de activos en Nova Zelandia e Australia. “Estes resultados subliñan o valor xerado a través da exitosa estratexia de Qube de realizar adquisicións específicas para mellorar as capacidades de servizo e logo investir aínda máis nestas adquisicións para apoiar a nosa base de clientes e xerar un crecemento sostible dos beneficios”, expuxo.
Máis alá de operacións extraordinarias, como a desinversión levada a cabo no seu primeiro semestre fiscal, os administradores do grupo sosteñen que lograrán “un sólido crecemento dos beneficios” para o exercicio 2026, principalmente impulsado polo negocio de loxística e infraestruturas, mentres que os beneficios do sector de portos e graneis manteranse.
Máis dividendo
O ano fiscal da cotizada australiana péchase en xuño. Os analistas cren que pechará o seu exercicio 2025-2026 cun avance de vendas dun 9% e cun beneficio neto disparado por seis ata superar os 190 millóns de euros. Debeuse, iso si, ao feito de que os beneficios de 2025 se viron lastrados polas adquisicións. Sen ter en conta ese impacto, o beneficio axustado tería sido de 170 millóns de euros.
Qube, en calquera caso, ten boas perspectivas para este ano, que podería rematar con Pontegadea como socio. De momento, acaba de anunciar que “como reflexo dos beneficios axustados no primeiro semestre do ano fiscal e as perspectivas positivas, o consello de administración aumentou o dividendo provisional en aproximadamente un 30,5%, ata os 5,35 céntimos por acción”.