Absentismo, vacantes e desemprego: a urxencia dun plan nacional con rigor e diálogo social
Galicia necesita emprego, pero sobre todo necesita emprego sostible e un mercado laboral que funcione con equilibrio; persistir en decisións arbitrarias, en reformas unilaterais e no enfrontamento ideolóxico só agravará un problema que xa é demasiado serio.
Galicia afronta en 2026 unha paradoxa laboral que debería preocuparnos a todos: desemprego estrutural, miles de vacantes sen cubrir e un absentismo laboral persistentemente elevado, especialmente vinculado á incapacidade temporal por contingencias comúns. Non é unha percepción empresarial nin un relato interesado: son datos obxectivos, reiterados por organismos oficiais, mutuas colaboradoras e os propios informes empresariais, tanto en Galicia como no conxunto de España.
O absentismo laboral en Galicia é unha realidade que xa non podemos obviar nin maquillar con eufemismos. Non se trata dunha anécdota estatística nin dun debate ideolóxico: falamos de cifras que destrúen competitividade, danan a produtividade e agravan a escaseza de man de obra nun tecido produtivo xa constreñido por sectores con serias dificultades para cubrir vacantes.
Os datos non deixan lugar a dúbidas. En 2024, o absentismo en Galicia alcanzou niveis que sitúan a comunidade moi por encima da media estatal: a duración media das baixas por contingencias comúns (sector de mutuas) foi de 81,10 días, fronte a 42,57 días de media en España, e o impacto económico directo para as empresas galegas calcúlase en 425,3 millóns de euros (total mutuas). Ademais, o número equivalente de traballadores que non acudiron ningún día do ano ao seu posto de traballo elevouse a 95.639 persoas, unha cifra alarmante se a comparamos cos 61.584 de 2018.
Estes desequilibrios son estruturais. Non son froito do azar nin dunha coyuntura temporal: procesos longos de incapacidade temporal con duracións superiores aos 365 días multiplicáronse por 6,4 desde 2019.
Este fenómeno, que se agrava nun momento de crecente falta de man de obra en sectores clave, non pode seguir sendo abordado con silencios ou parches. Se faltan traballadores na hostalaría, na industria ou nos servizos loxísticos, o absentismo crónico contribúe a agravar unha xa preocupante escaseza de persoal cualificado. O discurso simplista de que “non hai traballadores, porque en España hai millóns de parados” non resiste o análise serio da realidade demográfica e laboral galega: a nosa poboación activa é envellecida, e a taxa de emprego feminino e xuvenil segue por debaixo da media nacional.
Segundo os datos máis recentes dispoñibles, Galicia superou en 2025 os 1,1 millóns de persoas afiliadas á Seguridade Social, alcanzando máximos históricos, mentres que o desemprego rexistrado situouse arredor das 120.000 persoas, cunha taxa próxima ao 8,5 %, inferior á de hai unha década pero aínda elevada se a comparamos coa capacidade real de absorción do mercado laboral. Ao mesmo tempo, contabilizáronse máis de 8.200 vacantes activas no primeiro trimestre de 2025, o terceiro rexistro máis alto desde 2013, concentradas en industria, hostalaría, loxística, transporte e servizos sociosanitarios, sectores que non logran cubrir postos a pesar da existencia de demandantes de emprego.
A esta realidade súmase un problema que se converteu en estrutural: o absentismo. En 2025, a taxa de absentismo laboral en Galicia alcanzou o 8,4 % das horas pactadas, fronte a unha media estatal próxima ao 7 %.
Mais preocupante aínda é a duración media dos procesos de incapacidade temporal, que tendo en conta os dez primeiros meses de 2025 situouse en 72,25 días, máis de 30 días por encima da media nacional (39,74 días; réxime xeral, agregado do sistema). En 2024, esta duración, se nos atenemos ao total de Mutuas, xa superara os 81 días por baixa, case o dobre que en España, confirmando unha tendencia sostida desde 2018.
Este fenómeno ten un impacto directo sobre a competitividade. En Galicia, o número equivalente de persoas traballadoras que non acudiron ningún día ao traballo ao longo do ano achégase ás 100.000, unha cifra incompatible cunha economía que sofre escaseza de man de obra e un acusado envellecemento demográfico. As empresas —maioritariamente pemes e micro pemes— vense obrigadas a reorganizar turnos, asumir sobrecustos e, en moitos casos, renunciar a pedidos ou a medrar.
O absentismo non se resolverá con discursos, senón con acordos, xestión eficaz e respecto a quen crean emprego
Desde a CEG levamos tempo advertindo de que non se pode legislar cun rodillo, cambiando continuamente as regras do xogo e sen contar con quen ten que aplicalas. Dixémolo con claridade en relación coa reforma da Lei de Prevención de Riscos Laborais e con outras iniciativas impulsadas desde o Ministerio de Traballo e Economía Social, acordadas de forma bilateral cos sindicatos e presentadas como diálogo social cando, en realidade, exclúen á representación empresarial, vulnerando o principio tripartito que defende a OIT.
Tamén rexeitamos frontalmente o intento de utilizar a fiscalidade, a contratación pública ou as cotizacións sociais como instrumentos de presión ideolóxica, penalizando ás empresas que non se axusten a un modelo definido unilateralmente polo Goberno. Estas políticas xeran inseguridade xurídica, desincentivan o investimento e dificultan aínda máis a xestión de fenómenos complexos como o absentismo ou a cobertura de vacantes.
Neste punto, as preocupacións de Galicia coinciden coas do conxunto do país. A Confederación Española de Organizacións Empresariais (CEOE) alertou reiteradamente, nos seus informes sobre custos laborais e produtividade, de que o absentismo supón xa un dos principais lastres para a competitividade da economía española, cun impacto de miles de millóns de euros anuais. CEOE insiste, ademais, na necesidade de mellorar a coordinación entre o sistema sanitario, as mutuas e as empresas, así como de diferenciar claramente entre o exercicio lexítimo de dereitos e as disfuncións do sistema que alongan innecesariamente as baixas.
Convén subliñalo con claridade: ninguén cuestiona os dereitos das persoas traballadoras nin a necesidade de protexer a súa saúde. Pero defender os dereitos non é incompatible con esixir rigor, eficiencia e responsabilidade nun sistema que hoxe non está a funcionar ben, especialmente en comunidades como Galicia, con sectores intensivos en man de obra e grandes dificultades de relevo xeracional.
Agora ben: hai quen confunde absentismo con exercer dereitos. Algúns sindicatos denunciaron que se mesture a baixa médica, os permisos legais ou cuestións de conciliación familiar con “fraudes”, nun intento por criminalizar a plantilla. Desde a miña perspectiva, a defensa de dereitos e a esixencia de responsabilidades non son incompatibles. Unha cousa é respectar os dereitos laborais e outra, moi distinta, é permitir que sistemas mal estruturados perxudiquen a quen xeran riqueza e emprego.
E aquí é onde entra en xogo a política do Ministerio de Traballo. Durante varios meses vimos decisións arbitrarias ou improvisadas que afectan á seguridade xurídica das empresas e a súa capacidade para planificar a longo prazo. A reforma da Lei de Prevención de Riscos Laborais, alcanzada entre o Ministerio e os sindicatos sen a participación activa das organizacións empresariais, constitúe un exemplo claro de que falta diálogo social real. Esta ausencia de consenso deixa ás pemes galegas —a columna vertebral da nosa economía— sen regras claras e cunha carga normativa que dificulta a xestión cotiá e contribúe, precisamente, a agravar fenómenos como o absentismo.
Por todo iso, desde Galicia reclamamos un Plan contra o Absentismo ITCC, baseado en datos e non en consignas, que inclúa:
- Reforzo de medios en atención primaria e especialidades para reducir listas de espera que alongan as baixas.
- Revisión de protocolos de baixas e reforzo do seguimento e control de procesos de incapacidade temporal con criterios obxectivos.
- Mellor coordinación entre sistema sanitario, mutuas e empresa para axilizar diagnósticos e recuperacións.
- Diferenciación clara entre ausencias xustificadas e inxustificadas, con datos públicos e transparentes.
- Diálogo social inclusivo onde as preocupacións de traballadores e empresarios se enfronten de forma responsable e non como trincheiras ideolóxicas.
Galicia necesita emprego, pero sobre todo necesita emprego sostible e un mercado laboral que funcione con equilibrio. Persistir en decisións arbitrarias, en reformas unilaterais e no enfrontamento ideolóxico só agravará un problema que xa é demasiado serio. O absentismo non se resolverá con discursos, senón con acordos, xestión eficaz e respecto a quen crean emprego. Esa é a vía responsable. E tamén a única viable.