Talento sénior fronte ao idadismo social
O talento sénior non é un custo prescindible, senón un recurso imprescindible para sosteñer a produtividade, a innovación e o propio sistema social.

Lía esta semana unha información baseada nun informe do Servizo Público de Emprego de España (SEPE) no que se advirte que, nos próximos dez anos, o 80% do emprego que se xere no noso país non será emprego novo, senón simple substitución de postos vacantes por xubilacións masivas. Sectores estratéxicos como a sanidade (onde un 12,7% dos ocupados ten 60 anos ou máis), a educación (7,8%) e as Administracións públicas (15,6%) están nunha situación crítica. A magnitude do desafío reflíctese nun dato contundente: por cada mozo que entre ao mercado laboral na próxima década, haberá entre 2 e 4 persoas que se xubilen, dependendo das zonas.
Isto vén a conto porque non hai como ser protagonista dunha situación para que tomes máis conciencia dela. E no meu caso, como “baby boomer”, e consciente de datos como os achegados tamén pola OCDE que proxecta que, de aquí a 2060, España perderá un 30% da súa poboación en idade de traballar, resulta evidente que o talento sénior non é un custo prescindible, senón un recurso imprescindible para soste-lo a produtividade, a innovación e o propio sistema social.
Reinventarse aos 60 é posible se se combina a experiencia acumulada coa disposición a seguir aprendendo
Certamente, a mentalidade social foi variando estes últimos anos e non todo o mundo ve a xubilación como o final do camiño. Hoxe sabemos que pode ser un comezo. Vivimos máis, vivimos mellor e temos máis enerxía para seguir contribuíndo. A lonxevidade é un activo: significa máis espazo para aprender, emprender e contribuír, sempre que a sociedade e as empresas sexan capaces de valoralo, e que cada persoa decida manter a curiosidade e as ganas de vivir tamén a través do traballo.
No meu caso, recentemente chegado a Chile, e xa transitando pola sexta planta, tócame comezar de novo. Non vexo a miña próxima xubilación como retirada, senón como a oportunidade de iniciar proxectos que sumen e que conecten a miña experiencia con novas ideas e realidades. Esa decisión nace dunha convicción: traballar, aprender e emprender non é só unha maneira de sosterse economicamente, é tamén unha forma de vivir con plenitude.
Pero tamén por iso, os propios séniores temos a responsabilidade de manternos activos, abertos á formación e con espírito emprendedor. Reinventarse aos 60 é posible se se combina a experiencia acumulada coa disposición a seguir aprendendo. Non se trata de aferrarse ao pasado, senón de proxectar a experiencia cara ao futuro.
Nos últimos 13 anos vivín en tres países diferentes: México, España e agora Chile. Nos tres, aínda que con economías diferentes e unha visión particular en cada caso, o problema é similar: idadeismo cultural e institucional. Cultural, porque esixe cambiar a mirada: deixar de ver aos séniores como unha carga e comezar a velos como un motor de innovación e cohesión. Estrutural, porque implica repensar os sistemas de formación continua, adaptar normativas laborais e fomentar espazos de emprendemento inclusivo.
Como deixou escrito Séneca, “non teñas medo dos finais. Son, en realidade, lugares onde comezan cousas novas.”