Coresma e economía da atención
Nun entorno onde todos compiten pola atención, a escaseza voluntaria desta convértese nunha sinal; non falar durante un tempo tamén comunica.
Creo que todos estaremos de acordo se digo que estamos moi cansas de tanto ruído. Non só do informativo, tamén do estratéxico. Esa pulsión constante por dicir algo, reaccionar, posicionarse. No medio desa saturación empecei a preguntarme se, para líderes e empresas, a mellor estratexia reputacional non será ás veces calar ata que a realidade sosteña a palabra. E nesa reflexión persoal, a Coresma —os corenta días previos á Pascua na tradición cristiá— apareceu na miña reflexión como un modelo inesperado de contención, coherencia e espera.
A Coresma interprétase hoxe como un residuo relixioso nunha sociedade acelerada, pero quizais describa mellor que moitos manuais o problema contemporáneo da atención. Durante corenta días non se intensifica a actividade espiritual. Redúcese. Non se engaden estímulos. Elimínanse. Non se multiplican mensaxes. Suspéndense automatismos.
A Coresma ten tres eixes nos que se fundamenta: o xaxún, a oración e a esmola. Funcionan como un sistema de reajuste perceptivo. O xaxún limita voluntariamente o consumo; a oración recupera silencio e foco; a esmola despraza o centro desde o eu cara ao outro. Unha lóxica pedagóxica que busca introducir fricción para recuperar liberdade fronte á inercia.
En termos de management creo que a Coresma podería operar como unha tecnoloxía cultural contra a saturación que padecemos. E esa intuición resulta especialmente pertinente na economía da atención, onde a reacción habitual ante a perda de confianza consiste en aumentar a comunicación.
Estámolo a vivir a diario. Canto menor é a credibilidade, maior é a produción de mensaxes… e menor a súa eficacia. Organizacións, institucións e marcas responden á desconfianza con campañas, declaracións, posicionamentos, narrativas de propósito e reformulacións de valores. O resultado non é claridade, senón inflación de mensaxes. Non se corrixe o problema; amplifícase o ruído.
Pero a lóxica coresmal propón o contrario. Primeiro suspender a infoxicacion, despois aliñar a conduta, máis tarde recuperar recoñecemento por experiencia directa e só entón comunicar. É dicir: primeiro lexitimidade… despois, relato.
Por iso, desde esta perspectiva a reputación dos líderes e das organizacións non se reconstrúe ocupando o espazo público, senón retirándose temporalmente del. Cando a coherencia é débil, falar máis non compensa a contradición; faina máis visible. A redución deliberada de emisión de mensaxes non significa ausencia, senón prioridade: indica que a organización está a resolver algo antes de explicalo.
Nun artigo recente de Daniel Innerarity, publicado nun medio español de alcance global, sinalaba que a relixión contemporánea deixou de pretender regular a totalidade da vida social para situarse no terreo da proposta e a persuasión. Ese desprazamento describe tamén a transformación dos que teñen autoridade na sociedade da información. A lexitimidade xa non procede do posicionamento, senón do comportamento observable e compartido. Non se concede por proclamación, senón por consistencia na forma de actuar.
Nun entorno onde todos compiten pola atención, creo sinceramente que a escaseza voluntaria desta convértese nunha sinal. Non falar durante un tempo tamén comunica: comunica xerarquía, control e responsabilidade temporal. A saturación, en cambio, comunica inseguridade.
Por iso penso que a Coresma introduce unha idea incómoda para a cultura comunicativa contemporánea. Hai momentos nos que a mellor estratexia reputacional non consiste en emitir unha mensaxe mellor, senón en non emitir ningunha ata que a realidade poida sostela.
Ao final, a autoridade reputacional non depende de quen fala máis, senón de quen fala menos para acadar esa aceptación ou aprobación invisible que é a licenza social.