A Xunta defende os seus contratos con Montoro por seren anteriores ao Goberno de Rajoy
O Goberno autonómico xustifica que estes contratos, por importe de case 173.000 euros, formalizáronse entre os anos 2009 e 2011, antes de que Cristóbal Montoro se convertese en ministro de Facenda

A Xunta move ficha ante o Caso Montoro. O Executivo autonómico defendeu que os pagamentos efectuados a Equipo Económico, o despacho fundado polo exministro de Facenda, Cristóbal Montoro, tiveron lugar antes da vitoria electoral de Mariano Rajoy.
Estes contratos, por importe de 172.838 euros, formalizáronse entre 2009 e 2011, os dous anos previos ás eleccións xerais que se saldaron con maioría absoluta para o Partido Popular.
“Trátase de distintos contratos realizados entre os anos 2009 e 2011, correspondentes á prestación de servizos para a elaboración de informes en materia financeiro-fiscal relacionadas coas finanzas autonómicas e que ascenden a 172.838 euros”, precisaron fontes da Xunta consultadas por Europa Press.
As mesmas fontes incidiron en que os contratos en cuestión formalizáronse antes de que Mariano Rajoy gobernase (foi investido presidente estatal en decembro de 2011).
O PSOE pide explicacións
O movemento prodúcese despois de que a dirección estatal do PSOE instase este xoves ao líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, a “detallar” os posibles vínculos da Xunta cando el era presidente con Equipo Económico, o despacho fundado polo exministro Cristóbal Montoro e centro da causa á que este dá nome.
“É necesario coñecer as facturas, os conceptos e se se trataba de xestións nas que tamén se indicaba o cambio de lexislación e, de ser así, para quen era favorable”, defendeu o PSOE nun comunicado.