Comezo de curso no Parlamento galego: Rueda comparece polos incendios e a oposición pide cesamentos

O Pazo do Hórreo retoma as sesións este martes con BNG e PSdeG denunciando o "atropelo democrático" do PPdeG por querer "anular" as preguntas ao presidente fixándoas a continuación da comparecencia.

Debate sobre el Estado de la Autonomía en Santiago de Compostela

(Foto de ARCHIVO) El presidente de la Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, interviene durante el debate sobre el Estado de la Autonomía, a 23 de abril de 2025, en Santiago de Compostela, A Coruña, Galicia (España). Foto: Europa Press

O Parlamento galego inaugura este martes o curso político coa comparecencia do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, para informar sobre a onda de incendios do verán mentres BNG e PSdeG insisten en reclamar cesamentos e dimisións polo “desastre” de xestión.

Petición de dimisións

Os nacionalistas, empezando pola súa voceira nacional, Ana Pontón, levan días apuntando directamente ao máximo mandatario autonómico e consideran que “o primeiro que ten que facer o martes” no seu discurso é “presentar a súa dimisión” porque “lle queda grande o cargo” e “aínda lle queda máis grande Galicia”, tal e como sinalou o martes, tras a xunta de voceiros, a vicevoceira do BNG Olalla Rodil.

Aínda que non con tanta contundencia, porque expresarán as súas esixencias durante o propio pleno, tamén os socialistas, por boca da súa vicevoceira Elena Espinosa, advertiron a Rueda que a asunción de responsabilidades non bastaba “cun cargo intermedio nin baixo”, porque a xestión dos incendios “obedece a unhas decisións políticas”.

Fronte a iso, o voceiro parlamentario do PPdeG, Alberto Pazos, reprochaba que a oposición pretendese “extraer conclusións” e exixa ceses antes da comparecencia. Ademais, criticaba que PSdeG e BNG están “pedindo exactamente o contrario ao que fixeron” durante a onda de incendios de 2006, cando o bipartito lideraba a Xunta.

Ademais, a oposición impulsa a comparecencia neste primeiro pleno das conselleiras de Medio Rural e Medio Ambiente, María José Gómez e Ángeles Vázquez, ás que tamén apuntaron nos últimos días BNG e PSdeG como máximas responsables da crise.

Pola súa banda, o deputado de Democracia Ourensá (DO), Armando Ojea, pedía que o Parlamento “non sexa un repetidor” neste novo curso e que esta onda de incendios abra a porta a cambios políticos en relación coa provincia de Ourense. Así mesmo, Ojea reclama non só investir en extinción do lume, senón tamén pensar “a longo prazo” en políticas que “revertan a discriminación estrutural” de Ourense.

Comisión de investigación

Fronte ás críticas, o voceiro parlamentario do PPdeG defendía que, aínda que houbo “marxe de mellora”, o operativo contraincendios da Xunta é “o mellor de Europa” e destacaba que a comparecencia do presidente será a petición propia.

Sobre este pleno case monográfico sobrevóa a idea de constituír unha comisión de investigación sobre os incendios lanzada polo BNG, aínda que non se debaterá neste primeiro pleno. Por agora, só o deputado de DO mostrouse a favor, mentres que o PSdeG considera que non servirá “para nada” porque o PP terminará pasando o “rodillo” unha vez máis para controlar o seu funcionamento.

Da AP-9 ao Servizo de Axuda no Fogar

Á marxe dos incendios, nesta primeira sesión tamén haberá espazo para outros asuntos, como unha proposición non de lei do PP para solicitar ao Goberno central que rescate a AP-9 e a libere de peaxes, tras concluir a Comisión Europea que a última prórroga da concesión podería ser nula.

O BNG tamén defenderá no pleno iniciativas para reclamar a condonación de parte da débeda pública galega e outra polas condicións laborais do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) tras o asasinato dunha traballadora a finais de xullo en O Porriño (Pontevedra).

Pola súa banda, o PSdeG levará iniciativas relativas ao transporte escolar, á inversión en centros de ensino públicos de Vigo e ao cambio climático.

Historias como esta, en su bandeja de entrada cada mañana.

O apúntese a nuestro  canal de Whatsapp

Deixa unha resposta